As Festas da Saleta de Raxó (Poio) recuperan a procesión marítima grazas á iniciativa da Comisión de Festas de Raxó e a Confraría San Gregorio de Raxó, que se encargarán de organizala.
Desde a Comisión de Festas indican que, unha vez tramitada toda a documentación, seguro e permisos pertinentes ante as administracións competentes, xa recibiron os permisos para poder celebrar a cerimonia marítima. Así mesmo, informan de que todas as embarcacións que queiran participar deberán respectar a normas establecidas por Capitanía Marítima.
A procesión polo mar terá lugar o día 25 de setembro ao finalizar a misa que se celebrará ás 17:00h.
As Festas da Saleta interrompéronse en 2020 por causa da pandemia. O ano pasado celebráronse varias actividades en pequeno formato, dadas as restricións sanitarias vixentes. Este 2022 marca a "volta á normalidade" con o regreso da procesión marítima.
A Comisión de Festas aproveitou este anuncio para agradecer a colaboración da Confraría San Gregorio de Raxó, Protección Civil de Poio, Garda Civil, Naviera Mar de Ons, a Ruano e hijos e á Policía Local.
Tamén a Comisión de Festas de Raxó avanza que nos próximos días iniciarase o peditorio porta a porta por toda a parroquia. Neste sentido, agradecen de antemán a colaboración de todas as veciñas e veciños.