A prisión tras roubar en dezaseis lavanderías de Pontevedra, Vilagarcía, Sanxenxo e Ponte Caldelas

Pontevedra
23 de febreiro 2024

Os roubos, o primeiro deles o pasado 28 de novembro, producíronse en establecementos das localidades de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo e Ponte Caldelas. O xulgado de instrución número 2 de Pontevedra decretou o seu ingreso en prisión

Detención do suposto autor de dezaseis roubos con forza en lavanderías da provincia / Policía Nacional

Unha operación conxunta entre a Policía Nacional e a Garda Civil logrou deter a un home de 51 anos, veciño de Pontevedra, ao que vinculan con polo menos dezaseis roubos con forza en lavanderías da provincia.

Os roubos, o primeiro deles o pasado 28 de novembro, producíronse en establecementos das localidades de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo e Ponte Caldelas.

O arrestado, que contaba xa con diversos antecedentes policiais, foi posto ao dispor do xulgado de instrución número 2 de Pontevedra, que decretou o seu ingreso en prisión.

Foi nunha lavandería de Pontevedra, na que se subtraeron 700 euros da recadación e se causaron danos por valor de 1.800 euros, onde comezou esta vaga de roubos.

A partir dese momento, producíronse continuos roubos neste tipo de establecementos, todos eles en horario continuo e sen clientes no seu interior, empregando sempre o mesmo método, forzando a caixa de recadación con ferramentas e extraendo a caixa do diñeiro.

Tras os primeiros roubos en Pontevedra, segundo confirman os investigadores, esta persoa desprazouse a distintas localidades da provincia, o que motivou a apertura do operativo conxunto entre ambas as forzas policiais para localizar ao autor dos roubos.

Foi detido o pasado 5 de febreiro e no rexistro do seu domicilio os axentes localizaron  as pezas coas que cometía os roubos, ademais de palanquetas, patas de cabra e outros elementos cos que forzaba as caixas, e algunhas das caixas de recadación subtraídas.

A Policía Nacional e a Garda Civil tamén investigan por estes feitos a unha muller de 58 anos, con domicilio en Pontevedra, que lle axudaría a executar os roubos.