'A Primitiva' deixa no Grove 1,6 millóns de euros a un único acertante de Primeira Categoría

O Salnés
10 de setembro 2021

"Estamos contentísimos polo premio e polo cliente" sinalan desde a Administración número 1 do Grove tras repartir o premio. O acertante validou un boleto semanal cunha aposta de 12 euros

A Administración 1 do Grove celebra o premio de 1,6 millóns repartido no sorteo da Primitiva
A Administración 1 do Grove celebra o premio de 1,6 millóns repartido no sorteo da Primitiva / PontevedraViva

A Administración Número 1 de Loterías no Grove repartiu este xoves un importante premio no sorteo da 'Primitiva'.

En concreto un único acertante de Primeira Categoría, cuxo boleto fora validado nesta administración, levou 1.643.521,88 euros.

A combinación gañadora do sorteo estivo formada polos números 7, 24, 30, 39, 44 e 48. O complementario foi o 4, o reintegro o 2 e o Joker o '2053411'. 

"Ultimamente estamos a dar premios importantes. Estamos contentísimos polo premio e polo cliente", explicou a PontevedraViva o loteiro Manuel Rodríguez, feliz pola noticia, porque "o noso traballo e a nosa ilusión é repartir premios".

O gañador dos 1,6 millóns selou "unha aposta manual. Son seis apostas de xoves e sábado que son 12 euros", sinalou. "Non é nada habitual unha aposta así", engadiu. Confía en que a persona que foi "ou peña de fábrica que hai moitas" sexa do Grove porque os turistas "o que levan é lotería de Nadal".

Dáse a circunstancia de que esta administración do Grove repartiu un terceiro premio na lotería de Nadal de 2019 e tamén o Gordo de Nadal de 2020.