O Consello da Xunta aprobou este martes o proxecto de mellora de seguridade da estrada autonómica PO-531 ao paso pola parroquia de Campañó, no concello de Pontevedra.
O investimento que o Goberno galego destinará a esta nova actuación no municipio roldará os 975.000 euros, incluíndo o pagamento dos 13 predios necesarios para impulsar estas obras, no treito da vía autonómica entre a PO-310 e a vía de alta capacidade VG-4.8.
O obxectivo é contribuír á mellora de seguridade neste tramo da PO-531, especialmente para os peóns, a través dun conxunto de actuacións que tamén favorezan a mobilidade e a fluidez do tráfico.
A aprobación definitiva deste proxecto por parte do Executivo autonómico leva tamén aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta intervención. A superficie de expropiación será de 2.201,42 metros cadrados.
En concreto, a intervención comezará pola transformación, en glorieta, da intersección en “T” situada no quilómetro 3+200 da vía coa estrada PO-310. Acometerase unha rotonda cun diámetro exterior de 30 metros e un diámetro interior de 8, con dous carrís e dúas beiravías.
Tamén, segundo o proxecto aprobado, prevese a execución de sendas peonís en ambas as marxes da estrada PO-531, entre a nova glorieta e a glorieta da VG-4.8.
As sendas terán un ancho mínimo de 2 metros, incluíndo unha zona axardinada de 50 centímetros segundo as zonas. Entre as actuacións deseñadas, proponse a eliminación dos xiros á esquerda e os carrís centrais de espera entre as dúas glorietas. Acondicionaranse as paradas de autobús existentes, incluíndo a instalación de refuxios. Ademais, procederase ao acondicionamento da intersección na marxe esquerda no punto quilométrico 3+450, de acceso ao colexio CEIP Campañó. Tamén se habilitarán neste punto dúas zonas de aparcadoiro, nas proximidades da estrada PO-531.
A Xunta convocará os actos expropiatorios no segundo semestre de 2024, co obxectivo de que as obras poidan estar executadas no vindeiro ano. A actuación ten un prazo de 8 meses.