A primeira fase do novo mercado de abastos de Sanxenxo estará rematada en outubro

Sanxenxo
23 de xullo 2024

A intervención inclúe o soterramento do tráfico na rúa de Madrid e a xeración dunha nova praza pública en superficie como actuacións principais

A conselleira María Martínez Allegue visita as obras na contorna da praza de abastos
A conselleira María Martínez Allegue visita as obras na contorna da praza de abastos / Concello de Sanxenxo

A principios de outubro, segundo as previsións municipais, estará concluída a primeira fase das obras de construción do novo mercado de abastos de Sanxenxo.

Así o anunciaron este martes o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, durante a visita a unhas obras que non pararán durante o período estival.

Estes traballos de humanización e mellora da mobilidade que se están a desenvolver na contorna da praza de abastos teñen un investimento de 2,3 millóns de euros. Deste orzamento, a Xunta aporta a cantidade dun millón de euros e o Concello os 1,3 millóns restantes.

Os traballos contemplan o soterramento do tráfico na Rúa Madrid, no treito que vai desde o edificio do mercado ata a intersección coa PO-308, executado xa nun 30%, así como a mellora desta rúa no tramo entre a Rúa Panadeira e a glorieta coa Rúa Progreso.

Ademais, farase dotando á futura zona de novo alumeado, mobiliario e mesmo elementos para o sombreado da zona. En definitiva, a urbanización dunha nova praza pública en superficie e un paso inferior que, ademais de vial de saída, permitirá dotar a zona cun total de 32 estacionamentos subterráneos.

Na segunda e última fase, levantarase un edificio multifuncional acristalado de cinco plantas.

A primeira e segunda planta estarán destinadas ao mercado de abastos e espazo gastronómico e as plantas intermedias dedicaranse á biblioteca municipal e aulas de estudo, servizos sociais e muller. A quinta está pensada como espazo gourmet cunha ampla terraza.

Martínez Allegue subliñou que esta actuación "non só permitirá solucionar o problema de tráfico viario, senón que a vila gañará unha nova e fermosa praza pública para desfrute da veciñanza e dos visitantes". 

"Infraestruturas como estas permiten rexenerar espazos públicos, permiten reactivar a vida de barrio. Conseguimos así un equilibrio entre mobilidade e sostibilidade, priorizando o espazo urbano para ás persoas", destacou a conselleira.

Tras a visita ás obras da rúa Madrid, a conselleira desprazouse camiñando ata o Concello, onde foi recibida por concelleiros de goberno e o edil socialista, Fernando Otero, para asinar no libro de honra e manter un encontro de traballo