A primavera trae festa a Caldas de Reis coa Panorama e o Grupo Alkar

Umia
25 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A vila termal acollerá no segundo fin de semana de abril un dos primeiros bolos da nova xira da "mellor orquestra do país", 'IA Tour 2024'

Espectáculo da Orquesta Panorama
Espectáculo da Orquesta Panorama / Orquesta Panorama

A Orquestra Panorama e o Grupo Alkar serán os platos fortes da nova edición da Festa da Primavera de Caldas que se celebrará entre o 12 e o 15 de abril. Así o desvelou este luns o tenente de alcalde e responsable de Festas, Manuel Fariña, quen subliñou que o goberno local quere dar á festa máis verbeneira da vila termal o atractivo que merece para que se acheguen e gocen da música e o baile milleiros de persoas, todo de balde.

A cita coa chamada “mellor orquestra de España”, a Panorama, será o 12 de abril ás 22.30 horas na explanada da Tafona. Explica Fariña que o de Caldas de Reis será un dos primeiros bolos da nova xira do grupo galego que trae novidades: a agrupación chegará coas súas tres últimas fichaxes, a vocalista brasileña Aroxa Ruana –que xa formara parte do equipo ata 2023- e dúas novas bailarinas, unha delas chegada da París de Noia.

O conxunto fará, como agardan as súas seguidoras, un extraordinario despregue no escenario cun espectáculo propio que varía moito en cada xira e que este leva por título 'IA Tour 2024', e que terá en Caldas unha das primeiras localidades para coñecelo. Completará a oferta musical da xornada a discoteca móbil 'La Gramola'.

No segundo día de verbena (o domingo 14 a partir das 18.30 horas) será a quenda do 'Grupo Alkar', outra das agrupacións máis seguidas en Galicia, cunha grande traxectoria dende o 1969 e que promete moita festa, un grande repertorio musical e dinamismo para facer bailar a todas as persoas que asistan á súa actuación. Pechará o domingo o DJ Marcos Magán.

A Festa da Primavera de Caldas deste ano, ademais das tradicionais xornadas verbeneiras, ven de incorporar este ano un día máis de música (o venres 12 de abril, desde as 19 h) grazas á suma á programación dun festival de DJs, o 'Kalidas Primavera Fest', que contará coa participación de Anthony Godfather, Groove Amigos, Traffic House, Samu Pexe, Mr. J , Zoey Rey e Marcos Gramola. Pechará a festa o día 15 o Día do Neno e da Nena, con descontos nas barracas e atraccións para todas as crianzas.

Manuel Fariña destaca que, con todas estas actuacións, o Concello quere darlle a benvida á primavera por todo o alto. Subliña que consolidar a festa supón unha grande dinamización económica e un revulsivo para o sector hostaleiro e hoteleiro, e augura que Caldas vai ser un fervedoiro de xente, conseguindo consolidarse dentro do calendario de verbenas e orquestras que seguen moitas fans ao longo de toda Galicia.