A primavera comeza pasada por auga e tamén con... sarabia

Pontevedra
22 de marzo 2017

A primavera, que xa chegaba este luns ás Rías Baixas pasada por auga e marcada por unha gran inestabilidade metereolóxica, sorprendeu na mañá deste mércores na capital pontevedresa cunha sarabiada sobre as 10.00 horas que deixou algúns coches e beirarrúas tinguidos de branco en apenas uns minutos

Sarabia a primeira hora da mañá en Pontevedra
Sarabia a primeira hora da mañá en Pontevedra / PontevedraViva

A primavera, que xa chegaba este luns ás Rías Baixas pasada por auga e con gran inestabilidade metereolóxica, sorprendeu na mañá deste mércores á capital pontevedresa cunha sarabiada sobre as 10.00 horas que deixou algúns coches e beirarrúas tinguidos de branco en apenas uns minutos.

A precipitación de sarabia que foi breve pero que caeu con forza sobre a cidade anticipaba a alerta laranxa en toda a comunidade que procalamou para este mércores a Xunta por posibilidade de neve nas catro provincias. O fenómeno afectará ás zonas de montaña con acumulacións de neve que poderán acadar máis de 15 centímetros en cotas elevadas, e ata 5 centímetros a partir dos 400 metros. En puntos de Ourense, Lugo e Pontevedra a partir das 12.00 horas espérase unha acumulación de neve de máis de 5 centímetros en cotas superiores aos 500 metros, con posibilade de descenso aos 300 nalgunhas zonas.

Esta situación xa levou á Xunta a suspender o transporte escolar para estos días 22 e 23 en 173 concellos de Galicia. 

Para este xoves 23 as Rías Baixas permanecerán na influencia das baixas presións que estarán localizadas no Golfo de Biscaia achegando unha masa de aire Ártico Marítimo e aportando inestabilidade con temperaturas baixas, que se situarán entre os 5 e os 11 graos.

O venres 24, o tempo vai caracterizarse pola inestabilidade atmosferica debido á presenza de aire frío en capas altas da atmosfera, segundo o servizo de MeteoGalicia. Os ceos permanecerán parcialmente anubrados con chuvascos intermitentes. As temperaturas rondarán os 5 e os 10 graos centígrados.