Un total de 50 novos positivos este xoves, 49 o mércores, 49 o martes, 82 o luns, 61 o domingo... o ritmo de novos pacientes coa covid-19 activa non se detén na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Estas cifras, cunha media nos tres últimos días de 50 novos casos, confirman que a terceira onda da pandemia continúa forte, aínda que a boa nova das últimas xornadas chega desde os hospitais, onde os pacientes se van reducindo.
Segundo o último balance diario realizado polo Servizo Galego de Saúde, este xoves 18 de febreiro hai 92 pacientes hospitalizados, catro menos que o mércores. Na última xornada non houbo cambios na situación da unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, que se mantén con 15 pacientes coa covid-19, pero si baixaron os casos en planta de hospitalización.
En concreto, hai 77 pacientes con covid-19, catro menos. Deles, 68 están ingresados en planta no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 5 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra e 4 no Hospital do Salnés.
Outros 1.355 evolucionan en illamento no seu domicilio, de maneira que o total de caso activos este xoves sitúase en 1.447 na área sanitaria, 92 menos que o día anterior.
A maiores, recibiron a alta 142 pacientes, de maneira que xa curaron a enfermidade ata o momento 10.371 persoas en Pontevedra e O Salnés. Outras 142 faleceron vítima da enfermidade.
O balance oficial do Sergas recolle que nas últimas 24 horas realizáronse 946 probas PCR’s, de maneira que ata o momento xa se efectuaron na área sanitaria un total de 158.607.
EVOLUCIÓN EN GALICIA
A nivel autonómico, o último balance oficial recolle 307 novos positivos confirmados por PCR e sitúa o total de casos activos en Galicia en 10.908.
Segundo este balance, a área con máis casos segue sendo A Coruña e Cee, con 3.468, 168 menos nunha xornada. En todo caso, a baixada é xeneralizada, con 1.826 casos en Vigo, 109 menos; 1.539 en Pontevedra e O Salnés, 95 menos; 1.469 en Santiago e Barbanza, 141 menos; 1.126 en Ferrol, 77 menos; 1.086 en Lugo, 43 menos; e 1.020 en Ourense, 89 menos.
Os hospitalizados redúcense en cinco das sete áreas sanitarias e en total hai en Galicia 180 pacientes en UCI, 683 en unidades de hospitalización e 10.045 en domicilio.
Ata o de agora en Galicia hai un total de 96.641 persoas curadas e faleceron 2.147.