A presión dos hospitais pontevedreses segue a reducirse, con 24 pacientes con covid-19 menos nunha semana

Pontevedra
13 de febreiro 2021
Actualizado: 13:00

Este sábado hai 84 pacientes ingresados en planta de hospitalización, 16 menos que o día anterior, mentres que se mantén sen cambios o número de pacientes na unidade de críticos do Hospital Montecelo, 20. Na última xornada confirmáronse 60 novos positivos, dos que 54 foron a través de probas  PCR, cunha taxa de positividade do 6,4%

Evolución da pandemia da covid-19 na área sanitaria a data 13 de febreiro
Evolución da pandemia da covid-19 na área sanitaria a data 13 de febreiro

Os hospitais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés empezan a notar unha redución sostida da incidencia da covid-19 e este sábado teñen 104 pacientes coa enfermidade, 16 menos que o día anterior e 24 menos que o sábado pasado. Nunha semana, a presión asistencial pasou de 130 a 104. 

Segundo o último balance diario da covid-19 facilitado polo Servizo Galego de Saúde, este sábado hai 84 pacientes ingresados en planta de hospitalización, 16 menos que o día anterior, mentres que se mantén sen cambios o número de pacientes na unidade de críticos do Hospital Montecelo, 20.

Neste sentido, tamén hai que ter en conta que nos dous últimos días faleceron tres pacientes con covid-19, dúas o mércores no Hospital Montecelo e un o venres no Hospital  do Salnés. Ata o de agora, faleceron na área sanitaria 138 pacientes con covid-19.

En canto á situación xeral dos centros hospitalarios, os 20 pacientes UCI están en Montecelo e, ademais, hai ingresados en planta 71 nese mesmo hospital, 10 no Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 3 no Hospital  do Salnés

Tamén a incidencia xeral da covid-19 redúcese nos domicilios, pois este sábado hai 89 pacientes menos en corentena na súa casa tras dar positivo pola enfermidade, un total de 1.818 fronte aos 1.907 do venres.

Entre hospitais e domicilios hai un total de 1.922 casos activos de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, 105 menos que o día anterior. Chégase a esta cifra tras unha xornada na que se confirmaron 60 novos positivos, dos que 54 foron a través de probas PCR. En total, realizáronse 840 probas  PCR, o que implica que a área sanitaria tivo na última xornada unha taxa de positividade do 6,4%.

Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 9.637 pacientes, 168 na última xornada, e realizáronse un total de 154.711 probas PCR.

DATOS GALICIA

Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 14.487. A cifra confirma o descenso dos casos activos (1.047 menos que o día anterior) e tamén dos pacientes hospitalizados (83 menos), aínda que nas unidades de críticos esa redución está a ser máis lenta, con dez ingresados menos. En planta hai 73 menos. 

Do total de pacientes positivos, 218 están en UCI, 783 en unidades de hospitalización e 13.846 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 90.911 persoas curadas,

Na última xornada, confirmáronse 506 novos contaxios e 24 falecementos, de modo que o total de vítimas mortais nan comunidade xa é de 2.080.

Do total de casos activos, 4.405 son da área da Coruña, 1.382 da de Lugo, 1.435 da de Ourense, 1.922 da de Pontevedra, 2.346 da área de Vigo, 1.957 da de Santiago e 1.400 da de Ferrol.