A presidenta da Deputación insta á Xunta a crear un plan integral de atención ás demencias na Sanidade Pública

Pontevedra
21 de setembro 2015

Carmela Silva mantivo un encontro coas asociacións de familiares de persoas con Alzheimer da provincia no día mundial desta enfermidade

Encontro na Deputación coas asociacións de familiares de enfermos de Alzheimer do Morrazo, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra
Encontro na Deputación coas asociacións de familiares de enfermos de Alzheimer do Morrazo, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, demandou este luns un Plan Integral de Atención ás Demencias dentro da sanidade pública tras o encontro mantido coas asociacións de familiares con Alzheimer de toda a provincia.

Xusto no "Día Mundial do Alzheimer", Carmela Silva tivo un encontro coas asociacións de familiares de O Morrazo, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra no que tamén estivo presente a deputada de Servizos Sociais, Eva Vilaverde.

A presidenta sinalou que as competencias nesta materia corresponden á Xunta de Galicia e ao goberno de Rajoy e, reclamou que ambas institucións poñan en marcha todos os recursos necesarios para a atención urxente a todas as persoas con algún tipo de demencia. "É un problema grave que afecta a toda a sociedade e as institucións teñen que estar ao servizo destas persoas", subliñou Silva.

"As persoas con demencias demandan e esixen atención prioritaria porque nestes momentos son as familias e estas asociacións que están a prestar todo tipo de servizos e formación aos que padecen a enfermidade cando as competencias correspondenlle á Xunta de Galicia", concluíu a presidenta da Deputación.  

Por elo demandou, de xeito urxente, un Plan Integral Galego de Atención aos Enfermos con Demencia, baseado nos principios de equidade e igualdade social. "Demandamos os servizos de información, formación e atención os enfermos de Alzheimer e os seus familiares cun carácter público, universal e gratuíto", resaltou Carmela Silva.

Ante a cifra de 15.000 persoas na provincia con esta enfermidade, a presidenta da Deputación asegurou que a Xunta de Galicia "debe declarar que a atención ás demencias ten que ser a súa prioridade na sanidade pública e actuar en consecuencia adicando os recursos económicos necesarios para unha prestación dos servizos adecuada".