A preocupación polo cambio climático aumenta os convites internacionais a Pontevedra

Pontevedra
02 de setembro 2019

Ata unha ducia de peticións de visitas e convites para dar conferencias en Arxentina, Italia, Alemaña ou Reino Unido acumúlanse no Concello. O modelo urbano de Pontevedra segue a espertar o interese da comunidade internacional e, desta volta, cun marcado enfoque relacionado co cambio climático que experimenta o planeta

O alcalde recibe a dous arquitectos arxentinos interesados en Pontevedra
O alcalde recibe a dous arquitectos arxentinos interesados en Pontevedra / Mónica Patxot

Ata unha ducia de peticións de visitas e convites para dar conferencias en Arxentina, Italia, Alemaña ou Reino Unido acumúlanse no Concello. O modelo urbano de Pontevedra segue a espertar o interese da comunidade internacional e, desta volta, cun marcado enfoque relacionado co cambio climático que experimenta o planeta.

A edil de Promoción da cidade, Anabel Gulías, explicou que son moitos os municipios que se están a dirixir a Pontevedra para preguntar sobre as accións que se poden facer dende os concellos para mellorar a situación climática. E é que, segundo a concelleira, a remodelación urbana "non só é estética" senón que tamén ten un carácter ambiental.

Ademais, o goberno municipal expresou a súa satisfacción porque moitos dos contactos proceden dos países anglosaxóns, un ámbito que o Concello marcara entre as súas "prioridades" para dar a coñecer a súa transformación urbana. 

A este respecto, Pontevedra recibiu este luns a visita de arquitectos do despacho Garona - Di Nunzio de Bos Aires (Arxentina) para comprobar o seu modelo urbano. Coñeceran a experiencia pontevedresa a través do pedagogo Francesco Tonucci e decidiron achegarse á Boa Vila para ver a cidade de primeira man.

Esta visita terá continuidade coa que protagonizará esta mesma semana Antonio Mazzone, concelleiro de promoción de políticas ambientais, enerxéticas e desenvolvemento sostible da localidade italiana de Ruvo de Puglia. Busca ideas para realizar cambios na mobilidade do seu municipio para elevar a calidade urbana dos seus veciños.

Pola súa banda, a propia Anabel Gulías participará o 17 de setembro na Semana da Mobilidade organizada polo concello portugués de Funchal, baixo o título Cidades sustentables: A importancia da mobilidade na recualificación urbana e cohesión territorial; e o 19 de outubro acudirá a Glasgow (Escocia) para asistir a un cumio internacional de rúas saudables.

O intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, explicará o modelo pontevedrés en Alacante o 18 de setembro, nunha xornada de mobilidade sostible dende o punto de vista do xénero organizada polo sindicato Comisións Obreiras; e xa en outubro acudirá a Zaragoza e Zamora para falar en congresos sobre mobilidade sostible e camiños escolares seguros.

Pontevedra tamén foi invitada a participar na conferencia internacional da Alianza do Clima que se celebrará na cidade alemá a Rostock os días 26 e 27 de setembro e na conferencia Movemento urbano! Conectando resistencias e alternativas que terá lugar en Bruxelas, do 18 ao 20 de outubro, organizada pola Fundación Rosa Luxemburgo.

Ademais, o Concello xa recibiu convite para participar no MOVE 2020 o 11 e 12 de febreiro de 2020 en Londres. Esta conferencia internacional celebrou o ano pasado o seu encontro con máis de 400 oradores, 2.888 delegados, 150 patrocinadores e expositores de 62 países de todo o mundo.

E cara mediados do ano que vén, Pontevedra participará no Fifteen Seconds Festival que se celebrará o 4 e 5 de xuño na localidade austríaca de Graz. Solicitan a presenza do alcalde para compartir a experiencia de Pontevedra "como pioneira da transformación urbana".

Miguel Anxo Fernández Lores foi tamén incluído dentro dos oradores internacionais que deberan ser escoitados dentro da conferencia anual que organiza a Greater Cambridge Partnership. Os socios desta entidade son o concello de Cambridge, o consello do Condado de Cambridgeshire, o consello do distrito sur de Cambridgeshire e a Universidade de Cambridge.