O Concello de Cambados renovará a praza de Fefiñáns adaptándoa as novas necesidades do seu entorno xa peatonalizado, co fin de convertila nun punto de encontro da veciñanza. A intención por parte do goberno local é recuperar a escaleira da igrexa de San Bieito empregando as pedras orixinais e crear un espazo peonil co obxectivo de que, ademais de ser o tradicional reclamo para o turismo na vila, se convirta tamén nun lugar de lecer e de descanso para a cidadanía do municipio.
Para desenvolver este cambio está prevista a instalación de bancos e vai retirarse o pavimento que se atopa na zona de cruzamento coa avenida de Vilagarcía. Tamén se estuda a plantación de árbores e a reforma das canalizacións para evitar asolagamentos e verteduras na zona.
Na mañá deste mércores presentouse, no entorno da praza, o proxecto deseñado pola arquitecta Paula Alfonso, natural de Cambados, e financiado a través do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, segundo o goberno municipal. A proposta tería un orzamento de 230.000 euros e aínda é necesario que a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e o arcebispado de Santiago acepten estes cambios.
O proxecto foi presentado pola alcaldesa Fátima Abal, acompañada polos concelleiros de Obras, Samuel Lago; Cultura, Tino Cordal; e Urbanismo, Xurxo Charlín.