A Praza de España engalánase para a primeira feira de doces de Entroido

Pontevedra
23 de febreiro 2022

Entre os días 25 e 27 de febreiros os asistentes ás carpas en forma de tipi poderán degustar produtos elaborados por nove panaderías e pastelerías pontevedresas

Instalación na Praza de España da carpa da feira de repostería de Entroido
Instalación na Praza de España da carpa da feira de repostería de Entroido / Concello de Pontevedra

A Praza de España de Pontevedra engalánase para celebrar a primeira edición da Feira das Reposterías e Panaderías do Entroido Gastronómico que se celebrará este fin de semana.

Entre os días 25 e 27 de febreiro, todas as persoas que se acheguen a esta céntrica praza poderán degustar preparacións típicas destas datas elaborados por establecementos locais como: Panadería Acuña, Meu Bakery & Coffee, Mipa Panadería e Pastelería, Via Nai Espazo Gastronómico, Entre Migas Panadería e Pastelería, Colmado Delicious, Mis Galletas y Otras Cosas, Panadería Balado e Anxemí Panadería e Pastelería Artesá. 

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, supervisou esta mañá na Praza de España a instalación das carpas en forma de tipi de 200 metros cadrados que funcionarán en horario de 11 a 20 horas.

A edil socialista asegurou que "o escenario está a quedar ideal para acoller este evento gastronómico, especialmente nestas datas de Entroido", permitindo que o público asistente teña a oportunidade de mercar os mellores produtos típicos desta festividade tan identitaria da gastronomía galega.

O recinto contará con mesas para que os asistentes poidan ‘catar’ con calma os doces típicos destas datas. Ademais haberá unha exhibición de materias primas e un stand específico da iniciativa Capital Gastro Lab.