Coa reforma da rúa Rouco xa concluída, o goberno municipal desvelou cal será a próxima reforma que realizará neste ámbito urbano. O Concello ultima a redacción dun proxecto que supoñerá a remodelación integral da praza de Barcelos.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, avanzou que non só se actuará sobre o pavimento perimetral, que actualmente está en moi mal estado, senón que o proxecto incluirá tamén un novo deseño da zona interior da praza.
"Queda darlle unha volta a esta praza", sinalou Fernández Lores, que lembrou que Barcelos ten "moita vida" e o seu actual aspecto "canta moito".
A reforma prevista na praza de Barcelos é, segundo o alcalde, unha "decisión política" que se executará "o antes posible", aínda que será en todo caso ao longo de 2020.
A falta de coñecer os detalles desta reforma, Lores explicou que esta remodelación supoñerá, entre outras cousas, reforzar o seu carácter peonil e un cambio nos aparcamentos en superficie.
"Xa veremos como quedan", engadiu o rexedor pontevedrés. A este respecto, suxeriu que probablemente pasen a estar colocados en liña e, por tanto, se perdan algunhas prazas de estacionamento, pero engadindo que "isto non está decidido".
Lores, que afirmou que este proxecto demostra que "seguimos traballando pola cidade", destacou que neste ámbito urbano queda tamén pendente a reforma da rúa Pai Fernando Olmedo, obra que o Concello tamén ten en carteira.