O goberno municipal de Soutomaior xa sabe por onde comezar o que chaman a "transformación rural e urbana" do municipio que teñen proxectada para este mandato. A primeira actuación, segundo desvelaron este venres, será na Praza da Pedreira.
Este proxecto está realizado polo estudo de Cendón Vázquez Arquitectos e o Concello agarda licitar esta obra no primeiro semestre deste 2024 para comezar os traballos neste ano.
O alcalde, Manu Lourenzo, destacou que este tipo de proxectos de reforma se levarán a cabo nos distintos barrios do concello "para vertebralos e poñer en valor a arquitectura e a paisaxe de Soutomaior", seguindo modelos doutros concellos como Tomiño ou Allariz.
A través desta transformación, o goberno municipal busca crear núcleos de centralidade nos barrios, vertebrar o municipio e conseguir espazos rurais e urbanos amables, pensados para as persoas, con modelos "de posta en valor do noso".
Así, buscan poñer en valor o patrimonio e o urbanismo tradicional de Soutomaior.
"Temos un concello marabilloso, cunhas posibilidades infinitas, e xa é tempo de que se poña en valor para que o espazo rural e urbano podan estar á altura do que merece a veciñanza", subliñou o alcalde.