A Praza da Ferrería, protagonista das fotos do Nadal

Pontevedra
06 de decembro 2023

A emblemática praza pontevedresa acolle o 'Poboado do Nadal' cunha rechamante ambientación chea de árbores, bonecos de neve, pingüíns, galletas de xenxibre, un estanque ou a caixa de correos dos Reis Magos, entre outros elementos moi coidados

'Poboado do Nadal' na praza da Ferrería / PontevedraViva

Moi poucas persoas deixaron escapar a ocasión de sacarse unha foto co decorado do Nadal da Praza da Ferrería.

A emblemática praza pontevedresa acolle o 'Poboado do Nadal' cunha rechamante ambientación chea de árbores, bonecos de neve, pingüíns, galletas de xenxibre, un estanque ou a caixa de correos dos Reis Magos, entre outros elementos moi coidados.

Ao redor deste decorado está instalado o mercado do Nadal con 26 casetas con postos de venda de produtos feitos a man en materiais como coiro, pel, cerámica, pintura, téxtil, prata, complementos, xoguetes de madeira, artesanía en oliveira, e unha chea de agasallos para este Nadal.

Convértese así A Ferrería nun dos puntos neurálxicos do Nadal pontevedrés xunto co 'Bosque dos Xogos' instalado entre a Praza de España e a Alameda onde se atopa a gran árbore de luces, a tirolesa, o tobogán e a pista de xeo. 

Pronto terán tamén protagonismo o Mercado de Abastos que programará concertos e actividades para todas as idades, e o Recinto Feiral que, a partir do 22 de decembro e ata o 7 de xaneiro, acollerá 'Nadal Xogos'.