A bandeira azul volverá ondear este verán na praia de Xiorto, en Raxó (Poio), sete anos despois da última vez que lograra ese recoñecemento.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, considera unha "boa noticia para Poio e para Raxó" recuperar esta bandeira e lembra que era un dos obxectivos do Concello. "Este Goberno apostou por volver a presentar candidatura para esta praia e hoxe o resultado non pode ser máis satisfactorio", sinalou.
Desde o verán de 2017, este areal non conseguía o recoñecemento da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), pero este 2024 súmase aos outros cinco distintivos logrados polo municipio, un máis para unha praia e catro para sendeiros.
A Adeac tamén concede bandeira azul ao areal da Cabeceira, en Lourido (San Salvador), que repite co distintivo.
Ademais, este municipio ten catro bandeiras azuis para os seus sendeiros, duplicando o número de sendas que había con respecto ao ano pasado. Este ano conseguiron o galardón as rutas do Laño e dos Muíños de Samieira e renovou as distincións para o litoral de Poio e a Variante Espiritual do Camiño Portugués.