Algo está a cambiar na lonxa de Marín. A rada marinense pasou, nunha década, de plantexar o peche pola marcha de barcos a outras lonxas e caladoiros, que carrexaron a caída de capturas e facturación, a recuperar niveis de descargas de pesca fresca nunca vistos nos dez últimos anos.
Dous factores motivaron esta resurrección. Por unha banda, a decisión dunha casa armadora de deixar Vigo para regresar a Marín cun barco de grandes dimensións e, por outro, unha gran campaña de captura e venda de pota.
"A pota multiplicou por catro as vendas no último trimestre do ano comparado cos meses e os anos anteriores", explican desde Noray Pesca, unha das dúas empresas comercializadoras de pesca fresca que operan no Porto de Marín.
E os datos provisionais do portal PescadeGalicia avalan esta tese ao reflectir unha descarga de 475.700 quilos de dúas especies de pota só nos meses de outubro e novembro que reportaron máis de 755.100 euros de facturación. Unha cifra provisional que supera amplamente os 636.800 euros do 2018, os 537.900 euros do 2019 ou os 412.600 euros do 2020.
O aumento das capturas e do seu valor no mercado é unha das principais causas da recuperación, pero non é a única. A captación de barcos é un factor fundamental na reactivación dunha lonxa que foi referencia na descarga de pesca fresca e aí xoga un papel fundamental tanto as empresas armadoras como as facilidades que dean os operadores e a administración portuaria.
"A lonxa de Marín é agora máis áxil que a de Vigo", afirman desde Noray Pesca, entidade herdeira da Cooperativa de Pescadores San Miguel, un feito que motivou a captación dun barco de grandes dimensións que supón un crecemento en volume de descargas próximo ao 80 %. "Comezou a descargar aquí no mes de febreiro, é un barco potente, e pode servir de tirón para que outros armadores empecen a facer o mesmo", confían con optimismo na empresa comercializadora.
Polo momento, a tendencia cambiou e o optimismo está a regresar ao porto marinense. Habitualmente Noray Pesca xestiona as descargas dunha vintena de barcos, todos eles faenan no interior da ría, salvo un que o fai no exterior das rías galegas e outro na costa de Portugal. Unhas cifras similares ás que manexa a outra firma que opera na rula de Marín, que é Marea Fresca.
Ademais, de forma recente o Porto recibiu tamén descargas dun caladoiro que perderan: o Gran Sol. Como consecuencia das trabas do brexit regresou a Marín un barco que descargaba en portos británicos. Con todo, estas capturas non se computan no apartado de pesca fresca porque non pasan pola lonxa, engrosan directamente as cifras de pesca conxelada, na que o Porto de Marín tamén presume de músculo.