Paula Dapena ten 24 anos e as ideas moi claras. Ten tan clara a súa paixón polo fútbol como o seu feminismo e este sábado 28 de novembro ambas se deron a man nun xesto que non pasou desapercibido na Cidade Deportiva de Abegondo, na Coruña.
Xogadora do Viajes Interrias FF, acudiu para disputar un partido amigable co Deportivo Abanca da liga Iberdrola e, para a súa sorpresa, decidiuse gardar un minuto de silencio por Diego Armando Maradona, falecido esta semana aos 60 anos. O xesto choca de forma frontal coas súas ideas feministas, de modo que non o dubidou un momento e, mentres o resto das persoas presentes no campo se mantiveron en pé e en silencio, ela sentou no céspede de costas.
"Dixen que eu me negaba a gardar ese minuto de silencio por un violador, pedófilo, putero e maltratador e que se tiña que sentarme no chan e dar as costas, pois facíao", explicou horas máis tarde a PontevedraViva. A súa imaxe sentada no céspede non pasou desapercibida a ninguén.
Esta moza natural de Pontevedra explica que se vía incapaz de participar nese minuto de silencio polo futbolista cando tan só tres días antes conmemorouse o Día Internacional para a Eliminación da Violencia sobre a muller sen que se adoptasen xestos similares. "Polas vítimas, non se gardou un minuto silencio; entón, obviamente, non estou disposta a gardar un minuto silencio por un maltratador e non polas vítimas", argumenta.
No seu caso, decatouse de que se gardaría ese minuto de silencio ao chegar a Abegondo, cando unha compañeira lle pasou un comunicado oficial da Real Federación Española de Fútbol instando a realizar ese xesto de recordo polo falecido. Os seus posicionamento feministas son dabondo coñecidos no seu equipo, de modo que, no momento de saír ao campo, as súas compañeiras e o corpo técnico empezaron a mirala. "Mirábanme e ríanse porque sabían que eu non ía querer", sinala.
Paula recoñece que no mundo do fútbol Maradona fixo historia e foi un deportista "cunhas calidades e habilidades futbolísticas espectaculares", pero negouse a gardar ese minuto de silencio porque opina que "para ser xogador, hai que ser primeiro persoa e ter uns valores máis aló das habilidades".
Ademais, considera, ao igual que fixeron moitos colectivos feministas durante os últimos días, que "non se pode perdoarlle todas as barbaridades que cometeu" fóra do campo. Polo feito de que marcase golazos ou gañase un Mundial, non se pode esquecer o seu historial de malos tratos. "É ter dous dedos de fronte e un pouco de sentido común", apostila.
A moza futbolista foi a única de todas as persoas que saltaron ao campo en negarse a gardar ese silencio, pero, segundo explicou a PontevedraViva, si tivo apoios no estadio, pois o adestrador do outro equipo achegóuselle no descanso para preguntarlle por que se sentou no chan e, cando lle explicou as súas razóns, trasladoulle que el tampouco estaba de acordo co xesto e "felicitoume".
Este xesto é quizais o máis vistoso dos realizados por Paula ata o de agora, pero non a súa primeira incursión nas reivindicacións relacionadas co feminismo. Así, a pesar da súa mocidade, leva anos informándose sobre a reivindicación da igualdade entre mulleres e homes e este ano, durante o confinamento, aproveitou para profundar na materia, consultando a mulleres que levan anos na loita. Agora asegura que ten as ideas cada vez máis claras e xa pensa en participar dunha forma máis activa na loita.
Tamén quere participar en actividades con mocidades feministas e con docentes feministas. Está a estudar o Máster de profesorado con idea de ser docente algún día e gustaríalle poder axudar desde a educación en lograr esa igualdade real entre mulleres e homes.