A pontevedresa Andrea Rodríguez estrea a súa marca na Fashion Week Madrid

Pontevedra
13 de setembro 2024

Rodríguez Eiras é unha das quince deseñadoras seleccionadas para participar no Showroom Allianz Ego, o espazo destinado a marcas emerxentes da pasarela madrileña

Colección da deseñadora Andrea Rodríguez Eiras
Colección da deseñadora Andrea Rodríguez Eiras / Universidade de Vigo

A deseñadora pontevedresa Andrea Rodríguez Eiras estrea na Mercedes-Benz Fashion Week Madrid a súa marca 'RDRS', xurdida do seu proxecto de fin de máster.

O pasado mes de novembro, Andrea Rodríguez presentaba a súa colección 'Me lo pido' en Debut, o desfile no que os novos egresados do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda amosan os proxectos que desenvolveron como traballo de fin de máster. 

"A marca naceu desta colección e segue a mesma liña conceptual, artística e téxtil", sinala esta egresada, que desenvolveu como traballo final para este mestrado da Facultade de Deseño unha colección na que buscaba recrear "un universo infantil" a partir de pezas cheas de cor, texturas e estampados. 

A deseñadora pontevedresa Andrea Rodríguez Eiras é unha das quince deseñadoras seleccionadas para participar no Showroom Allianz Ego, o espazo destinado a marcas emerxentes da pasarela madrileña.

"O que expoño aquí, na Allianz Ego é parte da colección de Debut e outras pezas que fixen despois e que van na mesma liña, evocando o infantil", sinala a deseñadora, que comezou xa "a experimentar con diferentes téxtiles, técnicas e materiais" na súa etapa como alumna da Facultade de Belas Artes. 

"A partir de aí, matriculeime no mestrado e seguín con isto ata a presentación da colección de fin de máster en Debut", explica esta egresada, que desde este xoves exhibe na Fashion Week parte dunha colección na que propuña "unha revisión dos obxectos e a súa función, ensamblando e experimentando con varios materiais ata chegar a unha colaxe táctil e visual que evoca o xogo". 

A estas "pezas máis artísticas", nacidas cmo traballo académico, suma outras propostas que "expanden" este universo “a nivel custom e de vestir”, posto que o showroom é un espazo no que non só pode exhibir o seu traballo, senón tamén pór á venda as súas creacións. 

O obxectivo co que acude por primeira vez a este evento é tratar de dar "visibilidade á miña marca" e que diferentes profesionais da moda poidan interesarse polo seu traballo, estilo e experimentacións, de tal xeito que desta experiencia poida xurdir a oportunidade "de traballar con revistas, deseñadores ou multimarcas e poder crecer coa miña propia marca en diferentes sectores".