A 'Ponteandada do Magosto' desafía a choiva e o vento

Pontevedra
23 de outubro 2022

Este domingo, a pesar do paso da borrasca Beatrice, 89 persoas sumáronse á proposta do programa 'Ponteandadas'. Chegou este ata as parroquias de Lérez e Alba e rematou coa celebración dun magosto, coincidindo co inicio do outono. A Ponteandada Solidaria (O Burgo-Campañó) pechará este ciclo o domingo 6 de novembro

Ruta Ponteandada do Magosto por Lérez e Alba
Ruta Ponteandada do Magosto por Lérez e Alba / Concello de Pontevedra

O calendario da vida saudable continúa a avanzar en Pontevedra este outono e este domingo, a pesar do paso da borrasca Beatrice con fortes vento e choiva que afectaba á cidade, un total de 89 persoas sumáronse á proposta do programa 'Ponteandadas'

Esta ruta saudable, que forma parte do programa municipal A Vida é Movernos, chegou este domingo ata as parroquias de Lérez e Alba, nun percorrido circular de dificultade media e unha duración estimada de 3 horas. 

Esta camiñada bautizouse este domingo como 'Ponteandada do Magosto' por incluír a celebración dun magosto ao remate da ruta, coincidindo co inicio do outono. 

O programa da Concellería de Deportes está xa na recta final da súa edición de 2022. Tan só queda unha nova ruta, a Ponteandada Solidaria (O Burgo-Campañó), prevista para o domingo 6 de novembro. 

Partirá da ponte do Burgo e terá un percorrido circular de dificultade media e duración estimada de 3 horas. Neste roteiro solicitarase aos participantes unha doazón en forma de produtos non perecedoiros para o Banco de Alimentos de Pontevedra.