"A política de recortes na sanidade pública por parte da Xunta de Galicia maltrata aos sanitarios e condena aos usuarios á morte por desatención"

O Salnés
11 de novembro 2022

A plataforma SOS Sanidade Pública O Grove reclamou durante a protesta deste venres fronte á sede da Xunta de Galicia, en Santiago, "o dereito a saúde" e denunciou, a través dun manifesto, "o desamparo total dos nosos nenos, aos que se lles nega a asistencia pediátrica desde o seu nacemento e o desmantelamento dos PAC"

Concentración de protesta de SOS Sanidade Pública O Grove
Concentración de protesta de SOS Sanidade Pública O Grove / SOS Sanidade Pública O Grove

A precariedade do servizo sanitario na comarca do Salnés provocou que a plataforma SOS Sanidade Pública O Grove convocara para este venres unha protesta frente á sede da Xunta de Galicia, en Santiago, para esixir que o centro de saúde da localidade volva ter servizo de Pediatría.

Apoiados por todos os grupos políticos do Grove e por numerosos veciños, a plataforma reclamou durante a concentración "o dereito a saúde" e denunciou, a través dun manifesto, "o desamparo total dos nosos cativos, aos que se lles nega a asistencia pediátrica dende o seu nacemento e o desmantelamento dos PAC".

"Os cidadáns da área sanitaria Pontevedra-Salnés, e especialmente a poboación do Grove, estamos sendo sometidos á tiranía das institucións que xogan coa nosa saúde e coa das nosas crianzas", critica SOS Sanidade Pública, véndose sometidos á "política de recortes na sanidade pública por parte da Xunta de Galicia" que "maltrata aos profesionais sanitarios e condena aos usuarios á morte por desatención" e "incumprindo todas as leis sobre saúde pública e convencións sobre dereitos da infancia, sen remordemento algún".

Nunha localidade con once mil habitantes e deles mil cincocentos menores en idade pediátrica, hai dispoñibles "cero pediatras", polo que estes nenos e nenas non teñen ningún facultativo asignado e "as revisións periódicas, controis de saúde ou calendarios vacinais están sendo relegadas e aprazadas constantemente".

Ademáis, afirman que, ao non ter médicos de garda, están obrigados a levar aos nenos ao Hospital Provincial, onde o servizo "está colapsado de pacientes de todos os pobos sen atención primaria e as familias teñen que agardar ata sete horas en condicións moi lonxe de ser dignas".

É por iso que, os grupos políticos, a veciñanza, e a plataforma SOS Sanidade Pública saíron á rúa para reclamar e esixir "que se cumpran os nosos dereitos e os dos nosos fillos e fillas. Queremos pediatras xa! Queremos profesionais que poidan facer un seguimento do historial clínico das crianzas, queremos asesoramento médico para as familias e atención sanitaria nos pobos, queremos servizo de urxencias no PAC".