Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra efectuaron varios puntos de verificación en diferentes zonas da cidade durante esta fin de semana levantando un total de 28 actas.
Estes operativos de control e vixilancia realízanse de forma aleatoria por axentes pertencentes á comisaría de Pontevedra en diferentes zonas da cidade tras as novas restricións decretadas pola Xunta. Os axentes vixiaron con controis móbiles os distintos peches perimetrais.
Os dispositivos efectuados, un total de 17, iniciáronse ás 08.45 horas e finalizaron ás 01.00 horas en varias rúas da cidade.
Nestes controis, identificaron 543 persoas e 388 vehículos. Abríronse 3 actas por desobediencia á restrición de mobilidade interurbana, 14 actas por reunión de non conviventes e 11 actas por máscaras e botellón.
ÚLTIMOS SETE DÍAS
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra acolleu este luns unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria.
Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante a última semana.
En total, do 1 ao 8 de febreiro, a Garda Civil, a Policía Nacional e a Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma (UPA) levaron a cabo 2.086 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 2.272 axentes, se identificaron a 21.827 persoas, se controlaron 16.486 vehículos e se elevaron 504 propostas de sanción.
A pesar de manterse o número de controis descenderon as infraccións cometidas nesta última semana.