Axentes da unidade de Participación Cidadá da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra acudiron na mañá deste xoves ao Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, para entregar material informativo destinado aos turistas.
A acción é unha das que evidencia a posta en marcha en Pontevedra do Plan Turismo Seguro promovido pola Garda Civil e a Policía Nacional, en función das súas competencias territoriais, para incrementar de forma permanente a seguridade cidadá nas zonas turísticas e proporcionar unha contorna máis segura ao turista durante a súa estancia.
Para lograr ese obxectivo, os axentes pontevedreses reparten na distintas oficinas de atención ao turista material informativo sobre as medidas de seguridade que debe adoptar un turista para evitar que se converta en vítima de delitos durante as súas vacacións.
Os folletos recollen consellos de seguridade en varios idiomas para abarcar o maior número de nacionalidades, así como tarxetas co número gratuíto de emerxencias do CNP, o 091, ao que poden chamar en caso de ter algún problema de seguridade. O fin principal é a prevención, pero, en caso de cometerse o delito, tamén se busca que saiban a quen pedir axuda.
O plan busca proporcionar unha contorna segura para o turista na súa estancia e viaxe por España, apoiar e contribuír activamente ás actuacións despregadas no sector polo Goberno e polas Administracións Autonómica e Local e apoiar ao sector turístico español e cooperar no logro dun maior grao de competitividade do mesmo.
Para lograr eses obxectivos, promoven accións destinadas a avanzar na prevención da comisión de delitos nos que a vítima teña a condición de turista, tales como a repartición da citada ijnformación e incrementar a seguridade cidadá naqueles espazos e lugares de maior risco para a seguridade dos turistas.