A Policía Local resolverá dúbidas veciñais sobre cortes de tráfico durante os mundiais de tríatlon

Pontevedra
14 de marzo 2019

O Concello de Pontevedra lanza unha ambiciosa campaña de información sobre o ITU Multisport Festival para tentar "reforzar a implicacións dos veciños" e que toda a cidade "viva a festa". Unha das claves será a atención personalizada que ofrecerá a Policía Local, xa sexa de maneira presencial ou vía telefónica

Anabel Gulías e Anxos Riveiro presentan a campaña de información veciñal para o ITU Multisport Festival
Anabel Gulías e Anxos Riveiro presentan a campaña de información veciñal para o ITU Multisport Festival / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra presentou este xoves a ambiciosa campaña coa que pretenden "reforzar a implicación dos veciños" ante o que consideran o maior evento deportivo dos que se organizaron na cidade, o ITU Multisport Festival que supoñerá a disputa entre o 27 de abril e o 4 de maio dos campionatos do mundo de tríatlon de longa distancia, tríatlon cros, dúatlon, acuatlón e aquabike.

O lema desta campaña será 'Pontevedra mundial. Vive a festa', e precisamente ese será o obxectivo, que se converta en "unha festa que debemos vivir todos e todas", explicou a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, xunto á edil de Deportes, Anxos Riveiro.

A idea é reforzar a información dos veciños, especialmente dos afectados polos diferentes circuítos polos que transcorrerán as competicións, xa sexa no centro urbano (circuíto de carreira a pé polo centro histórico) ou nas parroquias polas que discorrerán os tramos de ciclismo.

A Policía Local atenderá no teléfono 092 aos veciños que requiran información

"Imos facer a mesma campaña tanto no ámbito rural coma no centro da cidade", confirma Riveiro.

Ademais de elaborar material informativo e promocional co que "engalanaremos a cidade", unha das claves será a implicación da Policía Local, que desde agora e ata a celebración do Festival Multideporte "dispón dun teléfono, o 092, para as persoas que teñan algunha dúbida concreta", sinalou a concelleira de Deportes. Esa atención personalizada sobre cortes de tráfico e horarios, avanzaron, prestarase tamén nas dependencias policiais do Pazo da Cultura.

Como complemento, están xa programadas ata unha vintena de reunións con diferentes colectivos, desde hostaleiros a asociacións veciñais, mercado de abastos ou a asociación de autocaravanas, entre outras, co obxectivo de sumar forzas para que o evento, que espera a presenza de ao redor de 4.000 deportistas e moitos máis visitantes, se converta en todo un éxito.

"É un evento que vai garantir a tempada do sector servizos", cre Gulías ante a importante presenza de visitantes que se achegarán a Pontevedra durante o ITU Multisport Festival, con deportistas confirmados de países dos cinco continentes. Tanto é así que o departamento que dirixe ofrecerá tamén formación en idiomas, cun curso de 30 horas, específico para a hostalería.