A Policía Local rescata unha persoa que se atopaba inconsciente no interior do seu domicilio en Raxó

Poio
04 de setembro 2018

Un veciño de Raxó alertou a Policía Local de que o home estaba desaparecido desde o domingo. Os axentes accederon á vivenda a través dun elevador mecánico para rescatar o home de 55 anos, que se atopaba deitado na cama. Foi trasladado ao Hospital Montecelo de Pontevedra 

A Policía Local de Poio rescata un home que se atopaba inconsciente na súa vivenda en Raxó
A Policía Local de Poio rescata un home que se atopaba inconsciente na súa vivenda en Raxó

Axentes da Policía Local de Poio lograron salvar a vida dun home que se atopaba inconsciente no seu domicilio na parroquia de Raxó. Un veciño próximo alertaba os axentes de que este home se atopaba desaparecido desde o domingo e non respondía nin ao teléfono nin ao timbre da vivenda.

Ante esta situación, segundo explica Antonio Duarte, xefe da Polícía Local de Poio estableceuse un operativo para tentar localizalo. Ao redor das 15.20 horas, os axentes utilizaban un elevador para acceder á vivenda sen causar danos materiais.

A través deste dispositivo lograban entrar por unha xanela e comprobar que o home, de 55 anos de idade, se atopaba inconsciente deitado na cama. 

Ante o estado de saúde que presentaba,os axentes avisaron os servizos sanitarios e unha ambulancia do 061 procedía ao inmediato traslado do home ao Hospital de Montecelo para sometelo a unha exploración médica.

A rápida intervención a través do elevador municipal que se emprega para estes casos de urxencia resultou vital para atender a este veciño de Raxó, segundo informan desde a Policía Local.