A Policía Local de Sanxenxo realizou un total de 1.096 intervencións no mes de xullo

Sanxenxo
11 de agosto 2019

Segundo os datos facilitados polo Concello de Sanxenxo, as estatísticas recollidas pola Policía Local reflicten que as incidencias relacionadas coa seguridade  cidadana están "moi por baixo das cifras outros anos"

A Policía Local de Sanxenxo incorpora 33 auxiliares (arquivo)
A Policía Local de Sanxenxo incorpora 33 auxiliares (arquivo) / Concello de Sanxenxo

A Policía Local de Sanxenxo realizou un total de 1.096 intervencións no mes de xullo. O persoal conta con 25 axentes fixos e un reforzo durante a tempada estival con de 34 auxiliares.

Segundo os datos facilitados polo Concello de Sanxenxo, as estatísticas recollidas pola Policía Local reflicten que as incidencias relacionadas coa seguridade  cidadana están "moi por baixo das cifras outros anos".

O pasado mes de xullo houbo 20 sancións por botellón, os vehículos retirados polo guindastre pasaron das 135 en 2018 a 99 en xullo de 2019.

As denuncias en relación á lei de prevención do consumo de alcol por parte de menores creceron das 12 ás 14 deste ano, fundamentalmente polas denuncias por publicidade que incita ao consumo de alcol a menores. Os axentes levaron a cabo 223 actuacións en locais de lecer do municipio.

No apartado de tráfico recóllense 631 denuncias. Este dato inclúe os controis de alcoholemia e consumo de drogas de condutores , pero tamén as sancións por estacionamentos indebidos.