A Policía Local de Sanxenxo desaloxa os afectados polas preferentes

Sanxenxo
26 de marzo 2013

Cinco veciños estaban no Salón de Plenos do Concello de Sanxenxo no que levaban encerrados dende principios de xaneiro cando chegaron varios axentes. Os afectados critican que "la alcaldesa desahucia bajo la lluvia a sus vecinos afectados por las preferentes después de una noche insultante y a lo guardaespaldas"

"Están desaloxando pola forza". Unha mensaxe enviada pola plataforma de afectados polas preferentes do Salnés aos integrantes do colectivo informaba as 7.55 horas da mañá deste martes de que en encerro que mantiñan dende principios do mes de xaneiro no Salón de Plenos do Concello de Sanxenxo chegaba á súa fin.

A mensaxe era alarmante, pero a confirmación de datos que chegaron na hora seguinte foron máis tranquilizadores. Segundo puido confirmar PontevedraViva, tratouse dun desaloxo, pero non á forza. Axentes da Policía Local de Sanxenxo irromperon no Salón de Plenos no que estaban a durmir a esa hora cinco afectados e esixíronlles que abandonasen o lugar.

O voceiro dos afectados do Salnés, José Manuel Vázquez, critica que"la alcaldesa desahucia bajo la lluvia a sus vecinos afectados por las preferentes después de una noche insultante y a lo guardaespaldas" e cuestiona con ironía que coa decisión do desaloxo dos afectados tras tres meses encerrados sen incidentes mostra "su bondadosa forma de ser".

Por todo iso, pide a dimisión do Goberno local e denuncia o xeito no que que ao longo da mañá as súas pertenzas foron sacadas do Salón de Plenos. "Expolian as nosas pertenencias despois de botarnos como cans á choiva, Iso sí é violencia", indica.

Tras ser desaloxados, os afectados abandonaron a folga de fame iniciada de madrugada debido ao cambio substancial na súa situación, pero seguirán manifestándose ás portas da Casa do Concello, onde permanecen dende que a Policía Local os botou.