A Policía Local de Pontevedra inicia unha campaña de control de velocidade

Pontevedra
12 de abril 2021

Segundo recordan dende a Xefatura da Policía Local, os axentes municipais xa dispoñen dun radar para o control da velocidade no propio Concello

Radar de tráfico
Radar de tráfico / Mónica Patxot

A partir deste martes e até o vindeiro 20 de abril, a Policía Local de Pontevedra realizará unha nova campaña de control nas vías do concello, incluída dentro dos labores de control habituais do corpo policial.

Segundo recordan dende a Xefatura da Policía Local, os axentes municipais xa dispoñen dun radar para o control da velocidade no propio Concello. Esta ferramenta dalle autonomía, dado que nas campañas deste tipo que se teñen desenvolvido no pasado fixéronse a cargo dun equipo prestado pola Dirección Xeral de Tráfico.

Ademais, permite completar a dotación do material necesario para facer o seu traballo con garantías.

O radar é un equipo Velolaser 1.0 que mide a velocidade de circulación e documenta por fotografía aqueles vehículos que superen o límite. Está deseñado para medir en modo estático, ben sexa cun operador (trípode, soporte ou coche), ou de forma non atendida, é dicir, nunha cabina dun vehículo.

Para manexalo disponse dunha tablet que se conecta mediante wifi a unha aplicación de control remoto.