A Policía Local de Poio mantén abertas as liñas de investigación para localizar aos responsables dos roubos que se produciron na Caeira, en San Salvador.
Neste sentido, tanto a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, como o xefe da Policía Local, Antonio Duarte, lembran que desde hai meses trabállase de xeito conxunto coa Garda Civil, o que derivou no aumento de controis, tanto de vehículos como de personas que transitan a pé para dirixirse ou saír do poboado do Vao, ademáis dun incremento importante da presenza das forzas de seguridade na contorna.
Desde que a convocatoria da última Xunta Local de Seguridade, celebrada o pasado outono para dar traslado das peticións dos veciños á Subdelegación de Goberno, as patrullas realizadas tanto pola Policía Local como pola Garda Civil son constantes, especialmente nas últimas horas da tarde, que adoita ser o momento no que os ladróns buscan aproveitar un descoido para acceder ao interior das vivendas para perpetrar os roubos.
Por esta razón, o corpo de seguridade fai fincapé na importancia de que os cidadáns estean moi pendentes de manter as portas e fiestras pechadas. Outra recomendación é que se manteña sempre algunha luz prendida, para deixar constancia de que sempre hai alguén no interior das casas.
Ademais, Antonio Duarte resaltou a importancia da colaboración cidadá e anima á veciñanza a poñerse en contacto coas autoridades en caso de que "detecten algún comportamento sospeitoso" nas inmediacións das vivendas particulares.
Marga Caldas destacou o labor que están realizando os axentes, tanto no que á investigación se refire como ás tarefas de vixiancia. "Existe un seguemento constante, especialmente na contorna do Vao. Fóronse aumentando os esforzos e as medidas, así como a colaboración coa Subdelegación, para garantir a seguridade dos veciños", afirmou a concelleira nacionalista, que lembra que a solución definitiva para solventar a problemática do Vao "non é unha cuestión política puntual, senón de carácter social". Por iso, entende que é preciso a implicación de “todas as institucións e administración" para buscar solucións definitivas. Neste aspecto, salienta o traballo que realiza o departamento de Servizos Sociais no que á integración do poboado se refire.
SOSPEITOSO
A Policía Local de Poio identificou este mércores a un home, veciño de Vigo, despois de que os axentes o interceptasen no interior dunha parcela de propiedade privada próxima a unha vivenda na parroquia de San Xoán.
O corpo de seguridade sospeita que individuo, que conta con antecedentes, introduciuse no terreo aproveitando que o acceso non estaba pechado. No momento da chegada dos axentes, o vigués portaba unha mochila. A Policía Local cre que o identificado estaba vixiando o inmoble, coa intención de acceder ao interior do mesmo.