Neste mes de agosto, a Policía Local de Poio está incrementando os controis que realiza para verificar que tanto cidadáns como establecementos de lecer cumpren coas medidas sanitarias en canto aos horarios e as reunións en grupo.
Despois de varias queixas por parte de veciños e hosteleiros comunicando o incumprimento do horario de peche de algúns establecementos, no que vai de mes, a Policía Local comprobou unha quincena de locais, verificando catro incumprimentos. Eran preto das 2:00 da madrugada nesta pasada fin de semana do 14 e 15 de agosto cando permanecían abertos ao público e servindo copas, nas zonas de Combarro e Raxó, polo que se formularon catro propostas de sancións.
A Policía Local de Poio tamén controlou varios areais con botellóns na zona do Laño e a praia do Caeiro, ambas na parroquia de Samieira e onde a miúdo se xuntan mozos para facer botellóns. Neses lugares intervíronse varias botellas de whisky e identificou unhas 50 persoas, a maioría de fóra de Poio.
En Combarro foron advertidos varios restaurantes polo incumprimento do aforo e distanciamento dos comensais, inspeccionando ademáis os códigos QR e información obrigatoria dos aforos con carteis visibles, que teñen que estar actualizados conforme cambian as restriccións dos niveis por municipios, segundo a incidencia.
Desde a Policía Local de Poio destacan que son unha minoría os establecementos que incumpren as normas. Por iso, as inspeccións serven para comprobar que todo está correcto e para facilitar información aos hosteleiros por parte dos axentes das medidas que deben adoptar para mellorar a seguridade no establecemento. En moitas ocasións son os propietarios quen require a presenza policial precisamente para comprobar as instalacións e verificar que está todo correcto.
A zona onde se detectan máis infraccións por non levar a máscara é a do centro Histórico de Combarro, onde o uso é obrigatorio xa que non se garante a distancia de seguridade polo alto volume de visitantes que transitas polas estreitas rúas.
En Combarro existe sinalización de uso obrigado de máscara, polo que os axentes lamentan que, malia este aviso tan visible, sexa nesta contorna onde máis infraccións se detectan.