A Policía incauta cocaína e cartos a un trapicheiro e denuncia un home por levar pola rúa unha planta de marihuana

O Salnés
27 de xuño 2023

A tenencia en vía e lugares públicos de drogas, substancias tóxicas ou psicotrópicas están prohibida, aínda que non sexa para comercialización

Marihuana intervenida pola Policía Nacional (Arquivo)
Marihuana intervenida pola Policía Nacional (Arquivo) / Policía Nacional

A Policía Local de Vilagarcía detivo este luns un home acusado a venda de drogas polo miúdo. No momento da detención este trapicheiro portaba 10 bolsiñas cunha substancia que semellaba ser cocaína e outra con material vexetal, presumiblemente marihuana, a maiores de 250 euros en billetes de diferentes cantidades que, supostamente procederían da venta das drogas.

Segundo informa o Concello de Vilagarcía, a detención produciuse ás 18.00 horas na rúa Pablo Picasso, onde unha patrulla en coche da Policía Local interceptou un taxi de Vigo detectado previamente na praza Doutor Carús e en cuxa parte traseira os axentes identificaron un mozo de 29 anos coñecido polas forzas policiais. Tras ver como o home deixaba o vehículo público e regresaba a el despois de pasar uns minutos no interior dun turismo, os axentes seguírono e déronlle o alto.

Segundo consta no parte policial, ao mandalo saír do vehículo, o individuo tirou ao chan unha bolsiña que levaba agochada na man e pisouna, deixando sobre asfalto un po branco que el mesmo confirmou que se trataba de cocaína, pero era que para autoconsumo. Esta afirmación quedou en entredito ao localizar no rexistro das súas pertenzas outras 10 bolsiñas cunha substancia semellante, máis os cartos mencionados. A cantidade de droga incautada ascende a 15 gramos de cocaína e 0,4 de marihuana.

PASEANDO CON MARIHUANA

Por outra banda, a Policía Local tamén denunciou nas últimas xornadas un home por transportar pola vía pública unha planta de marihuana que levaba nunha bolsa. O denunciado, un home de 42 anos, camiñaba a primeira hora da mañá pola rúa Valle-Inclán cando os axentes que patrullaban en vehículo recoñeceron a planta, cuxas follas asomaban pola abertura da parte superior da bolsa.

A denuncia tramitouse por infrinxir o artigo 36.16 da Lei Orgánica 4/15 de Seguridade Cidadá que prohibe a tenencia de drogas tóxicas, substancias estupefacientes ou psicotrópicas en lugares, vías, establecementos e transportes públicos, aínda que a súa finalidade non sexa o tráfico ou a comercialización.