Tres homes e unha muller están a ser investigados pola Xefatura da Policía Autonómica de Pontevedra como presuntos autores de incendios forestais en Sanxenxo e Barro.
En concreto, a dous dos homes e á muller impútaselles a autoría dun lume forestal ocorrido o pasado 23 de xullo en Dorrón, Sanxenxo, que calcinou unha superficie de 1.600 metros cadrados entre monte raso (1.100 metros) e superficie arborizada (500 metros cadrados).
Tras realizar as pertinentes investigacións, en colaboración da Brigada de Investigación de Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural, os axentes comprobaron que a orixe do incendio tivo lugar cando os investigados estaban a realizar unha queima de restos agrícolas sen cumprir as medidas de prevención e seguridade obrigatorias, polo que se instruíron dilixencias no xulgado de garda de Cambados.
Na extinción do lume foi necesaria a intervención do servizo de extinción da Xunta e de efectivos de Emerxencias Sanxenxo.
Por outra banda a Policía Autonómica tamén está a investigar a un home como presunto autor de dous incendios en Barro, na parroquia de San Breixo, os días 29 de xullo e 2 de agosto. No seu caso as informacións que manexan os axentes apuntan á intencionalidade á hora de acender o lume, polo que tamén se instruíron dilixencias contra el no xulgado de Caldas de Reis.