A polémica pola escasa vacinación dos celadores chega ao Parlamento galego

Pontevedra
22 de xaneiro 2021

O BNG rexistraba este venres unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a incorporar no plan de vacinación da covid-19 desenvolvido nos hospitais Montecelo e Provincial de Pontevedra ao colectivo de celadores, logo de que este grupo de profesionais quedase na súa maioría excluído da administración da vacina

Montse Prado, deputada do BNG no Parlamento galego
Montse Prado, deputada do BNG no Parlamento galego / BNG

O BNG rexistraba este venres unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a incorporar no plan de vacinación da covid-19 desenvolvido nos hospitais Montecelo e Provincial de Pontevedra ao colectivo de celadores, logo de que este grupo de profesionais quedase na súa maioría excluído da administración da vacina nestos centros sanitarios.

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, advirte que os celadores forman parte do grupo de profesionais sanitarios que traballan en primeira liña e, polo tanto, "teñen maior risco de exposición por levar a cabo actividades de atención directa de pacientes con coronavirus, igual que o resto de colectivos que si foron vacinados".

Neste sentido, Prado alude á recente denuncia deste colectivo pola discriminación sufrida e lembra que na Estratexia de vacinación do Goberno galego non se marca ningún tipo de diferenciación entre profesionais e só se establece que sexa o "persoal de primeira liña no ámbito sanitario" o que teña preferencia para ser vacinado.

A deputada apunta a que tan só se vacinaron 24 celadores, dun cadro de persoal de 350. Unha situación que se agrava ao detectar que dos celadores vacinados, 20 traballan no Hospital Provincial e 4 en Montecelo, cando este último é o centro de referencia en materia de covid. E a isto súmase, lembra o BNG, que o Sergas chegou a vacinar profesionais sen contacto con doentes de covid.

Para Prado, "non hai absolutamente ningunha xustificación" para non vacinar ao colectivo de celadores, polo que reclama ao Executivo galego que rectifique, "remate coa improvisación coa que está levando a cabo a campaña de vacinación" e proceda a subministrar a vacina a estes profesionais, "tamén en primeira liña no ámbito sanitario".