O alumnado de 2º da ESO do CPI do Toural participou este martes na sexta intervención artística do programa da Deputación de Pontevedra "Mulleres en Acción. Violencia Zero", que correu da man da poeta Iolanda Zúñiga.
Antes da actuación da artista viguesa, a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, xunto á concelleira de servizos sociais de Vilaboa, María Canosa, salientaron a importancia de educar en igualdade para "rematar coa lacra do machismo que cada ano asasina a ducias de mulleres".
En canto á intervención artística, Iolanda Zúñiga levou a Vilaboa o novidoso "Slam poetry" nunha actuación que mantivo moi atento a todo o alumnado.
Trátase dun concurso de poesía recitada que naceu a mediados dos anos 80 en Chicago da man do poeta Marc Smith e que nos últimos anos estase a estender por todo o mundo. O "slam" pretende promover unha poesía popular máis próxima á xente da rúa e para esta ocasión Iolanda Zúñiga recitou textos empregados en diferentes eventos que trataban diferentes temas como o poder ou a falta de empatía masculina.
Tras a súa actuación Iolanda Zúñiga propuxo un taller de poesía no que o alumnado mostrouse moi participativo. Esta actividade consistiu en que a artista mostroulles un texto que nunca foi capaz de rematar para que puideran achegarlle as súas propostas.