A poboción só podrá saír da casa de xeito individual e para compras de primeira necesidade, atención médica e traballo

Pontevedra
14 de marzo 2020
Actualizado: 15 de marzo

As medidas que se aprobaron con motivo da declaración do estado de alarma en toda España para frear a expansión do coronavirus aplicaranse desde este mesmo sábado e durante os próximos 15 días e poderán conlevar o peche á circulación de estradas por razóns de saúde pública, seguridade ou fluidez do tráfico

A rúa Daniel de la Sota, baleira este sábado
A rúa Daniel de la Sota, baleira este sábado / Diego Torrado

As medidas aprobadas polo Goberno do Estado con motivo da declaración do estado de alarma en toda España para frear a expansión do coronavirus implicarán unha restrición global do movemento da poboación, que tan só poderá desprazarse para a adquisición de alimentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade, a asistencia a centros sanitarios e o desprazamento ao lugar de traballo. Eses desprazamentos terán que ser individuais.

O presidente do Goberno celebrou este sábado un Consello de Ministros de varias horas no que se aprobaron todas as medidas que implica a declaración de estado de alarma. Unha vez concluído, dáse por declarada esta situación excepcional e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, compareceu para dar a coñecer as medidas que se aplicarán desde este msemo sábado e durante os próximos 15 días.

Segundo o do texto aprobado polo Consello de Ministros, a partir deste sábado, a autoridade competente en todo o país será o Goberno de España, todos os corpos de forzas e seguridade do Estado e Protección Civil quedarán baixo as ordes do Ministerio do Interior e, se é necesario, as Forzas Armadas xa están preparadas para actuar.

Establécese que durante a vixencia do Estado de Alarma os cidadáns unicamente poderán circular polas vías de uso público para a realización das actividades detalladas. Ademais de para ir a tendas de alimentación, centros sanitarios, farmacias e postos de traballo, os cidadáns poderán realizar desprazamentos para o retorno ao lugar de residencia habitual, a asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables e o desprazamento a entidades financeiras

O decreto aprobado establece que tamén se pode circular por causa de forza maior ou situación de necesidade e que estas restricións de movementos afectarán á circulación de persoas e de vehículos particulares polas vías de uso público para a realización das actividades autorizadas ou para a reposición en gasolineiras ou estacións de servizo.

En todo caso, en calquera desprazamento deberán respectarse as recomendacións e obrigacións ditadas polas autoridades sanitarias.

O acordo do Goberno faculta ao Ministerio do Interior para acordar o peche á circulación de estradas ou tramos delas por razóns de saúde pública, seguridade ou fluidez do tráfico ou a restrición nelas do acceso de determinados vehículos polos mesmos motivos.

As autoridades estatais, autonómicas e locais competentes en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguridade viario garantirán a divulgación entre a poboación das medidas que poidan afectar o tráfico rodado.

Ademais, o decreto faculta aos axentes da autoridade para realizar comprobacións en persoas, bens, vehículos, locais e establecementos para, no seu caso, impedir que leven a cabo servizos e actividades suspendidas.

O Goberno poderá impartir as ordes necesarias para asegurar o abastecemento do mercado e o funcionamento dos servizos dos centros de produción afectados polo desabastecemento de produtos necesarios para a protección da saúde pública.

Tamén estará autorizado para intervir e ocupar industrias, fábricas, talleres, explotacións ou locais de calquera natureza, incluídos os centros, servizos e establecementos sanitarios de titularidade privada, así como a industria farmacéutica, en caso de ser necesario.

Con respecto ao traballo, o Goberno determina que os empregadores, tanto públicos como privados, estarán obrigados a facilitar medidas que permitan a prestación laboral ou funcionarial dos empregados por medios non presenciais, sempre que sexa posible. 

O decreto inclúe limitacións tamén para o transporte público de viaxeiros, que deberá reducir nun 50% as prazas dispoñibles, para garantir que os cidadáns poidan acceder aos seus postos de traballo e os servizos básicos. Os vehículos, ademais, deberán ser limpados e  desinfectados de maneira diaria, de acordo coas recomendacións de Sanidade. 

estado de alarma contémplase no artigo 116 da Constitución Española e está regulado pola Lei Orgánica 4/1981 de Estados de Alarma, Excepción e Sitio. Aplícase "cando circunstancias extraordinarias fixesen imposible o mantemento da normalidade mediante os poderes ordinarios das autoridades competentes".

Tan só hai un antecedente de aplicación do estado de alarma en España. Ocorreu en decembro do ano 2010, durante o Goberno de Jose Luís Rodríguez Zapatero. Activouno con motivo da folga de controladores que ameazaba con paralizar o tráfico aeroportuario.