A PO-308, a vía máis insegura de Poio, onde se producen máis feridos e os máis graves

Poio
06 de agosto 2022

Durante os seis primeiros meses do ano 2022 en Poio rexistráronse 110 accidentes. O 80% dos feridos foron en accidentes na PO-308. Os puntos negros ou de alta sinistralidade son, por orde de gravidade, a avenida de Andurique, a avenida da Barca, a avenida da Costa, a avenida da Cruz e a avenida da Seara

Accidente na PO-308 na avenida da Barca
Accidente na PO-308 na avenida da Barca / Policía Local de Poio

Durante os seis primeiros do ano 2022 en Poio rexistráronse 110 accidentes de tráfico, que deixaron 36 feridos, un grave e 35 leves; así como un falecido. 

A Policía Local fixo balance este sábado e, froito de analizar os distintos accidentes, conclúe que a estrada PO-308 é o lugar máis inseguro do municipio, onde se producen o 80% dos feridos e onde son máis graves.

Os puntos negros ou de alta sinistralidade son, por orde de gravidade, a avenida de Andurique, a avenida da Barca, a avenida da Costa, a avenida da Cruz e a avenida da Seara.

As colisións por alcance e as saídas de vía son os accidente máis comúns e as causas directas dos accidentes máis habituais son a distracción na condución por uso do teléfono e non respectar a distancia de seguridade. O alcol e as drogas tamén son un factor importante.

A causa indirecta que a Policía Local de Poio máis relaciona cos accidentes é a densidade de vehículos no vial, moito maior á que debería ser, así como a falta de protección do peón e do condutor.

Este ano 2022 houbo xa seis atropelos e os accidentes medran en relación cos anos anteriores. Así, en todo 2021 houbo 199 accidentes con danos, 60 feridos leves, dous graves e ningún morto e en todo 202o foron 178 con danos, 39 feridos leves, dous graves e un morto.