A Plataforma SOS Sanidade Pública reclama un aparcamento disuasorio gratuíto xunto ao Gran Montecelo

Pontevedra
05 de abril 2022

Nunha rolda de prensa celebrada este martes, o presidente de Castelao, Juan Manuel Loureiro, explicou que para "acurtar os prazos" a administración autonómica podería aproveitar a actual declaración de incidencia supramunicipal do proxecto sectorial para a ampliación do Hospital Gran Montecelo de Pontevedra    

Rolda de prensa da Plataforma SOS Sanidade Pública
Rolda de prensa da Plataforma SOS Sanidade Pública / PontevedraViva

A Plataforma SOS Sanidade Pública reclama á Xunta que Galicia que habilite un aparcamento público disuasorio e gratuíto xunto ao Hospital Gran Montecelo.

Nunha rolda de prensa celebrada este martes, o presidente da Federación de Asociacións de veciños 'Castelao', Juan Manuel Loureiro, explicou que para "acurtar os prazos" a administración autonómica podería aproveitar a actual declaración de incidencia supramunicipal do proxecto sectorial para a ampliación do Hospital Gran Montecelo de Pontevedra.

Os responsables de SOS Sanidade Pública viron como se confirmaban as súas sospeitas despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciase en Pontevedra a construción dun aparcamento de pago que terá "prezos asequibles".

Feijóo tamén apuntou que decidiu impulsar ese estacionamento despois de que o Concello de Pontevedra "non dixese nada" sobre a posibilidade de habilitar terreos para un aparcamento.

A Plataforma SOS Sanidade Pública expresou a súa preocupación por esta fórmula de pago polo custo engadido para os usuarios que o fan "inviable para as familias" e argumentou que "buscar alternativas é bastante fácil".

HOSPITAL PROVINCIAL

Nesta mesma rolda de prensa os portavoces da SOS Sanidade Pública compartiron a súa preocupación polo futuro do Hospital Provincial, queren que manteña os usos sanitarios algo que non ven garantido.

 

Arquivado en