A plataforma Queremos Galego sairá á rúa o 17 de maio para reclamar o uso da lingua galega

Pontevedra
12 de maio 2023

As máis de 500 entidades que integran a plataforma manifestaranse a partir das 12:00 horas do mércores 17 de maio nas principais vilas e cidades galegas onde leerán un manifesto para reclamar esta serie de medidas. No caso de Pontevedra será na Praza de Curros Enríquez  

Presentación da manifestación en defensa da lingua galega
Presentación da manifestación en defensa da lingua galega / Juan Manuel García

Representantes da plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades, anunciaron que o 17 de maio sairán á rúa para reclamar o papel normalizador dos concellos e da administración autonómica fronte á situación de perda do uso da lingua.

Alertan de que este ano se cumpren 40 anos da Lei de Normalización Lingüística e a situación "empeorou. Estase perdendo o uso da lingua especialmente entre a xente máis nova e a Xunta non está actuando. Atopámonos obstáculos a nivel administrativo, en documentación oficial ou en cartelería que atopamos en centros de saúde" onde "o galego tería que estar garantido e non está sendo".

É por iso que, tal e como indicou a voceira Sabela Bará, critican a "desaparición de espazos oficiais e a destrución do idioma no ensino", polo que a súa reclama é "actualizar a Lei de Normalización, a posta en marcha de medidas específicas que se axusten á realidade" e, en definitiva, que "as administracións que teñan competencias asuman a súa responsabilidade".

As máis de 500 entidades que integran a plataforma manifestaranse a partir das 12:00 horas do mércores 17 de maio nas principais vilas e cidades galegas onde leerán un manifesto para reclamar esta serie de medidas. No caso de Pontevedra será na Praza de Curros Enríquez.

Na rolda de prensa estiveron representantes da CIG Ensino e da CIG (Confederación Intersindical Galega), do Centro Social A Pedreira, da CTNL (Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua) e da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.