A Plataforma pola Defensa do Monte Castrove, na marcha polo Día do Medio Ambiente en Compostela

Poio
05 de xuño 2022

A Coordinadora Eólica Así Non sumou o apoio de 223 entidades e plataformas galegas de distintos eidos para reclamar este 5 de xuño na capital de Galicia un modelo enerxético xusto coa sociedade e sustentable co medio ambiente. Entre os colectivos participantes acudiron representantes da plataforma contra o parque eólico proxectado no Monte Castrovediv>  div>

Manifestantes na praza do Obradoiro con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente
Manifestantes na praza do Obradoiro con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente / Plataforma veciñal Non ao Parque Eólico do Castrove

As rúas de Santiago de Compostela recibían este domingo a integrantes de 223 entidades e plataformas galegas de ámbitos ecoloxistas, culturais, veciñais, sociais, sindicais e políticas para reclamar un modelo enerxético xusto coa sociedade de Galicia e sostible en relación ao medio ambiente. 

A marcha desenvolvíase nesta xornada na que se celebra o Día Mundial do Medio Ambiente e entre os participantes atopábase a Plataforma veciñal  Non ao Parque Eólico do Castrove, un colectivo que se suma a este acto reivindicativo para insistir en que "non descansará ata que non se vexa libre do perigo de implantación do parque industrial nun lugar de tanto interese ecolóxico e socioeconómico". 

Desde esta plataforma animan ao colectivo de comuneiros a exercer responsabilidade no momento en que teñan que votar nas asembleas. Lémbranlles que é necesario buscar formas de enerxía sostibles para toda a poboación. Aseguran que estes parques eólicos conforman un "problema moi grave de especulación enerxética" que afecta a toda Galicia e "que a Xunta e o PP están a favorecer, escondendo baixo etiquetas como transición das renovables ou enerxía verde os intereses económicos de grandes empresas enerxéticas". 

Alertan de que Galicia se atopa nunha situación de extrema ameaza ambiental e social, tanto en terra como no mar e reclaman planificación e ordenación para o desenvolvemento de enerxías renovables. Lembran que máis de 275 proxectos eólicos, coas súas liñas de evacuación, permanecen en tramitación na Xunta de Galicia e que, sumados aos proxectos de competencia estatal, superan os 300.  Cualifican de "espolio eólico do territorio galego" esta situación e, ante a falta de amparo por parte das administracións públicas pola presión das grandes multinacionais da enerxía, demandan o rexeitamento social a este modelo enerxético.

Durante o acto leuse o Manifesto "Temos Alternativa!", no que se demanda a protección da natureza e a preservación de caladoiros de pesca e de corredores ecolóxicos mariños, ademais do coidado do patrimonio, entre outros puntos relacionados coas fontes de enerxía renovable.

Arquivado en