A plataforma pola defensa do centro de saúde de Seixo pide o apoio de María Ramallo

Marín
05 de xullo 2021

Esta plataforma presentou este luns unha moción para o seu debate urxente no pleno "sobre a situación sanitaria no Concello e contra o peche do centro de saúde". Reclaman do goberno municipal e da alcaldesa "que se posicione claramente a favor das reivindicacións da veciñanza e contra os recortes da Xunta na sanidade"

Representantes da Plataforma pola defensa do Centro de Saúde de Seixo
Representantes da Plataforma pola defensa do Centro de Saúde de Seixo / Plataforma pola defensa do Centro de Saúde de Seixo

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo que agrupa a 18 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, presentou este luns no rexistro municipal unha moción para o seu debate urxente no pleno sobre a situación da asistencia sanitaria nas parroquias "despois da pretensión da Xunta de non cubrir todo o persoal do centro de saúde de Seixo de xeito permanente".

Dende a plataforma sinalan que presentaron esta moción para "demandar que todos os grupos políticos, nomeadamente o equipo de goberno, rexeiten o peche do centro de saúde de Seixo e a política sanitaria de recortes e privatizacións da sanidade pública levada a cabo pola Xunta".

Ademáis queren que o goberno municipal e a alcaldesa María Ramallo "se posicionen claramente e digan de que lado están, se a favor da veciñanza ou coa política de recortes da Xunta na sanidade".

Por outra banda, tamén advirte de que "se desmantelan o centro de saúde de Seixo vannos concentrar a todos no centro de saúde de Marín e a atención sanitaria vai empeorar en todo o concello".

Dende a plataforma lembran que mentres o centro de saúde de Seixo estivo funcionando con normalidade durante toda a pandemia, no centro de saúde de Marín aínda non hai asistencia presencial, "nin están cubertas todas as necesidades de persoal e hai dificultades serias para conseguir unha simple cita". 

Tamén instan á Consellería de Sanidade a cubrir todo o persoal do centro de saúde de Seixo "de xeito permanente" e a moción tamén demanda a posta en marcha de servizos de traballo social, fisioterapia e pediatría neste centro.

Para o vindeiro día 9 de xullo está convocada unha manifestación con saída ás 20.30 horas da gasolineira de Seixo.