Despois de celebrar asembleas veciñais en varias parroquias, a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo acordou volver mobilizarse ante os "graves problemas na atención sanitaria á veciñanza previstos para o 15 de agosto polos recortes en persoal médico da Xunta".
A Plataforma, que agrupa a 18 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, convocou unha nova protesta que terá lugar o próximo 12 de agosto ás 19.00 horas ante o Concello de Marín, durante a celebración do pleno da corporación municipal.
Desde o colectivo sinalan que "faremos todo o que estea na nosa man para parar estes recortes", sen descartar acudir á vía xudicial.
Ademais engaden que a partir de agora "só vai haber 4 horas de médico para unha cota e o resto do tempo non haberá ningún facultativo, e máis de 1.000 persoas quedarán sen posibilidade de solicitar unha cita".
Estes recortes, aseguran, "conlevarán maiores problemas no Centro de Saúde de Marín e peor asistencia sanitaria en todo o Concello".