A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo celebra un ano de loita veciñal

Marín
23 de xullo 2022

A Plataforma celebrou este vernes unha concorrida asemblea onde presentou o monumento a "1 ano de loita veciñal" que estará na Praza de Abastos de Seixo

Asemblea da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo
Asemblea da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo / Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 21 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, celebrou este venres, unha concorrida asemblea veciñal na Alameda de Seixo para informar "da grave situación do Centro de Saúde de Seixo, de Marín, das urxencias do PAC no concello e no Hospital Montecelo" e concretar novas protestas.

A asemblea acordou unha recollida de firmas da Iniciativa Lexislativa Popular que se realizará a partir de agosto nos centros de saúde de Seixo e Marín.

Estas mesas irán acompañadas de asesoramento para a veciñanza que queira poñer reclamacións "para ter unha atención sanitaria digna cando o precisa, sexa referido a demoras nas citas co seu médico de cabeceira, con especialistas ou pola situación do servizo de ambulancias ou a saturación das urxencias", explica a plataforma.

No acto tamén se presentou o monumento a un ano de loita veciñal, unha estrutura artesanal en forma de cúpula, con estrutura de madeira, feita polos veciñas lembrando as actividades organizadas nos últimos meses. Esta estrutura quedará situada na Praza de Abastos.