A plataforma Non á Fusión pide aos alcaldes que fagan pública a primeira enquisa sobre a unión de Cerdedo e Cotobade

Cerdedo-Cotobade
06 de xullo 2016

A plataforma pregúntase cal sería o resultado da primeira enquisa se agora se publica esta na que a opinión dos veciños de Cotobade está moi axustada e a de Cerdedo máis ampla. "A primera moi mal lle debeu saír. Queda claro que en Cotobade a cousa está moito máis axustada do que o señor Cubela quería facer crer cando defendía que o 70-80% estaba a favor", indican os opositores

Miembros da plataforma "Non á fusión Cerdedo-Cotobade"
Miembros da plataforma "Non á fusión Cerdedo-Cotobade" / PontevedraViva

A plataforma Non á Fusión xurdida para opoñerse á unión entre Cerdedo e Cotobade pediu este mércores aos alcaldes dos dous municipios que fagan público o resultado da primeira enquisa que realizaron sobre o proceso, pero da que nunca chegaron a facilitarse as conclusións. Agora que si que se deu difusión ao estudo de opinión realizado pola empresa Sondaxe, queren que tamén se divulgue o primeiro. 

A plataforma pregúntase cal sería o resultado da primeira enquisa se agora se publica esta na que a opinión dos veciños de Cotobade está moi axustada e a de Cerdedo máis ampla. "A primera moi mal lle debeu saír. Queda claro que en Cotobade a cousa está moito máis axustada do que o señor Cubela quería facer crer cando defendía que o 70-80% estaba a favor", indican os opositores á fusión. 

Na súa opinión, o proceso de fusión "está máis que cociñado en total conveniencia coa Xunta", pois o informe de viabilidade realizado pola administración galega aparece xusto despois das eleccións. "Temos moi claro que este proceso está argallado coa Xunta para dar bombo ao señor Feijóo cara ás eleccións autonómicas, usando aos veciños para os seus intereses electorais". 

A plataforma pide ao alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, que "se deixe de tonterías e se de verdade quere demostrar que a fusión ten apoio social faga a consulta veciñal" que se pediu a modo de referéndum e "non manipule e faga e desfaga segundo lle conveña", pois, na súa opinión, "seguro que a consulta lle dará menos traballo que andar todos os días polas casas dos veciños recollendo firmas a favor".

Ademais, critican como práctica "caciquil" que este xoves se convocara un Pleno de mañá,  á mesma hora nos dous concellos, para tratar os últimos informes, "deixando claro que non queren que vaia moita xente".