A Plataforma "Eólicos no Morrazo Non", conformada por comunidades de montes, asociacións ecoloxistas, colectivos sociais de todo tipo e persoas individuais, vén de anunciar "a convocatoria de asembleas veciñais nas localidades da comarca para informar á veciñanza da ameaza do proxecto de macroparque eólico".
Segundo aseguran, ese parque tería 15 aeroxeradores de 180 metros de altura que estarían instalados nos concellos de Moaña, Marín e Vilaboa, así como 2 subestacións de evacuación eléctrica tanto en Domaio como en San Adrián de Cobres e 2 torres de observación.
A Plataforma traslada a súa "preocupación polos danos irreparables que sufririamos de se levar a cabo", e xa avanza a súa "firme vontade de facerlle fronte a este novo intento de espolio dos nosos montes con todos os medios ao noso alcance".
Así, a primeira asemblea está prevista no concello de Vilaboa para o martes 28, ás 20:30 horas, na Casa de Cultura de Riomaior, á que lle seguirán cadansúa convocatoria no resto de concellos.
Dende a Plataforma tamén informan de que pretenden que este asunto se debata nos plenos dos concellos da comarca. E propoñen aos grupos políticos que expresen o seu rexeitamento á instalación no Morrazo do parque eólico presentado no Rexistro Eólico de Galicia pola empresa Arena Power "e calquera outro que se pretenda instalar no futuro", así como dar apoio á Plataforma nas actividades que realice.
A moción da Plataforma tamén propón que os Concellos presenten alegacións no período de exposición pública do proxecto e que insten á Xunta de Galicia a que suprima a Área de Desenvolvemento Eólico do Morrazo do Plan Eólico de Galicia.
En paralelo á labor informativa a Plataforma xa anuncia que está a planificar "unha contundente acción social e xudicial de oposición activa e rotunda a este proxecto" e reiteran o convite a que "calquera persoa ou colectivo interesado participe das asembleas ou contacte a través das redes sociais ou do email plataformaeolicosnomorrazonon@gmail.com para evitar que a nosa comarca sexa territorio de sacrificio para o espolio enerxético".