A Plataforma 'Encoro Non' lembra que un uso racional e solidario da auga evita encoros e trasvasamentos

Ponte Caldelas
08 de xuño 2022

A Plataforma 'Encoro Non' aposta por unha nova cultura da auga que prime un sistema eficiente e un uso racional e solidario da mesma en lugar de afrontar macroinfraestruturas costosas e medioambientalmente agresivas

Plataforma pola defensa dos ríos Verdugo e Oitavén Encoro Non
Plataforma pola defensa dos ríos Verdugo e Oitavén Encoro Non

A Plataforma pola defensa dos ríos Verdugo e Oitavén 'Encoro Non' cualifica de "desafortunada" a carta enviada polo secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, urxindo á aplicación das medidas propostas no estudo encargado pola Confederación Hidrográfica Miño Sil que contempla a construción de encoros e o trasvasamento desde os ríos Verdugo e Oitavén, "solucións que consideramos ineficaces, custosas e un auténtico atentado medioambiental sen precedentes en Galicia".

Así, a voceira da Plataforma, Pilar Fernández, salientou que "a urxencia á que se refire o secretario de Estado está en facer un uso responsable da auga e non en construir 'canto antes', trasvasamentos e encoros".

Desde a Plataforma apóstase por alternativas "que non supoñan unha nova agresión" aos ríos Verdugo e Oitavén como recoñece o propio secretario de Estado de Medio Ambiente no seu escrito.

Para a Plataforma 'Encoro Non' "a solución pasa por un sistema de xestión da auga que poña en valor este ben, cada vez máis escaso, e que fomente un uso responsable do mesmo, con políticas de concienciación cidadá, sendo solidarios e comezando polo aforro fronte ao despilfarro xa que estamos en tempos de evidente cambio climático".

Ademais, engade esta plataforma que "o uso sostible da auga debe ser un recurso que una aos pobos fronte a unha situación de cambio climático e crisis de sostenibilidade e non debe empregarse por parte dos gobernantes como un argumento de enfrontamento, en lugar de asumir a xestión dos ríos como unha acción colaborativa entre pobos e de respeto e harmonía co medio".

Antes de construir un encoro, a Plataforma sinala que "habería que resolver" algunas cuestións como o uso da auga reciclada para o rego dos xardíns e o baldeo das rúas en vez de empregar auga potable, resolver as perdas nos sistemas de abastecemento obsoletos que deixan polo camiño máis dun 30% da auga "ou arranxar en condicións a depuradora do Casal que é incapaz de traballar cando o encoro de Eiras baixa do 40% da súa capacidade", sinalou Pilar Fernández.

"Así, con tubaxes que perden como cestos, non hai encoros que cheguen", sentenciou a voceira desta Plataforma que sigue a sumar apoios de máis colectivos.

 

Arquivado en