Novo acto reinvidicativo da Plataforma en Defensa dos ríos Verdugo-Oitavén Encoro Non. Será este sábado 21 de maio, a partir das 10.00 horas, cunha proposta ambiental de concienciación cidadá. Desde este colectivo convidan á poboación para participar na eliminación de especies invasoras na contorna do río Oitavén. Esta acción contará coa coordinación do colectivo A Rente do Chan e tamén colaborará a Comunidade de Montes de Gaxate.
Esta acción foi aprobada pola asamble da Plataforma que se celebrou no Centro Sociocultural de Forzáns. Trátase dunha resposta ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que definiu esta contorna natural como un "auténtico páramo", segundo alegan os organizadores.
Con esta intervención queren tamén alertar á Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia, que teñen a última palabra sobre este proxecto, de que a construción do encoro asolagaría esta zona á que consideran un "auténtico paraíso conformado por especies endémicas de ribeira".
As persoas interesadas en participar deberán presentarse provistas de luvas e ferramentas como serras, podadoras, machados e elementos que axuden a eliminar as especies invasoras non autóctonas. A cita será no Teleclub de Gaxate a partir das 10.00 horas.
REUNIÓNS CON OUTROS COLECTIVOS VECIÑAIS
A Plataforma tamén mantén contacto con representantes veciñais da Fraga, Laxoso e Portasouto, lugares que se verían tamén afectados no caso de que se constrúa o encoro no río Verdugo, segundo os datos recollidos polo colectivo no estudo que o Concello de Vigo encargou á Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Con estes contactos quérese incrementar a participación cidadá de oposición a calquera opción que contemple a construción de encoro ou o transvasamento de auga nos ríos Verdugo-Oitavén, ao considerar que son vulnerables principalmente en épocas de seca.
Nestes momentos 110 colectivos asinaron o manifesto en contra das agresións ambientais que prevén ante a documentación presentada para elaborar o proxecto para abastecer de auga o sur da provincia.