Representantes da Plataforma 'Dignidade Avogacía Pontevedra', que reúne a profesionais da avogacía do municipio mantiveron un encontro con Pablo Varela Castejón, Fiscal Xefe de Pontevedra.
Durante a reunión, os integrantes da plataforma trasladaban as súas reivindicacións en materia de dignificación do desempeño do labor de Quenda de Oficio. Ademais, quixeron transmitir ao Fiscal Xefe as incidencias que se están rexistrando con motivo da folga que parte dos colexiados desenvolven desde o 21 de novembro de 2023.
Tratáronse os servizos mínimos que se están respentando durante a folga como asistencia a detidos, menores ou violencia de xero, lembrando que son os mesmos que mantiveron outros operadores xurídicos cando puxeron en marcha unha folga. Pablo Varela suxeriu que se ampliarán eses servizos mínimos a algún suposto máis, segundo informan desde a plataforma.
Os representantes dos colexiados subliñaron a necesidade de que se respecte o exercicio do seu dereito a folga e tamén as reivindicacións para que se acometa a aprobación dun Estatuto Xurídico da Avogacía da Quenda de Oficio.
Tamén informaban ao Fiscal Xefe das reivindicacións en relación á Mutualidade da Avogacía para lograr a pasarela ao RETA (réxime especial de traballadores autónomos) de todos os mutualistas alternativos que así o desexen.
Sinalan que esta opción obtivo un "contundente apoio" na Asemblea Territorial Extraordinaria da Mutualidade da avogacía celebrada o xoves 4 en Pontevedra. Nesta cita resultaban electas para votar na Asemblea Terrtitorial Extraordinaria da Mutualidade que se celebrará en Madrid o 20 de abril as dúas candidatas propostas por 'Dignidade Avogacía Pontevedra'.
Desta forma, Carmen Alfonsín e Dolores Carpinteiro, con 128 votos cada unha, lograron vencer á terceira candidata, que lograba 20 votos.