A Plataforma de Seixo denuncia ante a Valedora do Pobo a vulneración do dereito á protección da saúde

Marín
15 de setembro 2021

Esta semana a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 18 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, denunciou o empeoramento da situación no Centro de Saúde "con demoras de ata 20 días para conseguir unha cita do médico de cabeceira"

Manifestación en defensa do centro de saúde de Seixo
Manifestación en defensa do centro de saúde de Seixo / Plataforma pola defensa do Centro de Saúde de Seixo

Esta semana a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 18 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, denunciou o empeoramento da situación no Centro de Saúde "con demoras de ata 20 días para conseguir unha cita do médico de cabeceira".

A Plataforma considera que "os recortes en persoal empeoran a asistencia así como as listas de espera" e as consecuencias as sofren as persoas usuarias da sanidade pública "e o persoal que ten que asumir máis carga de traballo para poder atender os pacientes".

No caso do Centro de Saúde de Seixo, o feito de que a Xunta non cubrise a xubilación do doutor Manuel Martín dende o 15 de agosto e que só houbese 4 horas de médico para cubrir as vacacións do Doutor Galiano "está colapsando o Centro de Saúde sen que a nosa alcaldesa faga nada", asegura a Plataforma. 

Este colectivo sinala que "a Xerencia mesmo recorreu á Farmacéutica do Centro de Saúde da Parda para cargar receitas para certos pacientes e a situación está a ser moi complicada para as farmacias de Seixo e Ardán".

Dende a Plataforma informan que dende o 10 de agosto estanse a dar citas para outubro, "de feito o luns 13 de setembro xa se estaba a citar para o día 4 de agosto", isto é unha demora de 20 días para unha consulta telefónica. 

Esta mesma semana, a Plataforma puxo en coñecemento da Valedora do Pobo a situación do Centro de Saúde de Seixo, "así como o grave prexuízo sufrido pola veciñanza por parte da Xunta, ante o desamparo do Concello de Marín". Nese sentido, dende a Plataforma agardan que "sexa admitido a trámite" xa que consta dun documento "fundamentado xuridicamente" no que buscan "defender o dereito á protección da saúde e a unha atención sanitaria digna a través de demandar a cobertura do persoal de maneira permanente e estable, e a posta en marcha de servizos como pediatría ou fisioterapia".

Parello a esta denuncia, dende o 15 de agosto, a Plataforma activou unha campaña de reclamacións por escrito da veciñanza.