A Plataforma de Lourizán critica a Ethel Vázquez pola súa política "baseada na mentira"

Pontevedra
16 de agosto 2019

"Todos queremos o saneamento da ría. No que discrepamos é na forma de conseguilo", lembra a Plataforma veciñal que reitera a súa defensa dun "modelo racional e sostible" fronte ao "modelo chapuceiro da Xunta, que pasa por degradar aínda máis Lourizán"

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas
Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas /

A Plataforma veciñal de Lourizán ven de emitir un comunicado no que critica a política exercida pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, por estar "baseada na mentira e na manipulación e desinformación", afirman.

Lamentan que a conselleira prometese que buscaría o consenso coa veciñanza "ou que os terreos do campo de fútbol son sagrados", mentras "non se quixo reunir nunca cos veciños" e a cámara de carga do novo emisario xa supón unha ocupación efectiva de parte do antigo campo de fútbol.

"Todos queremos o saneamento da ría. No que discrepamos é na forma de conseguilo", lembra a Plataforma veciñal que reitera a súa defensa dun "modelo racional e sostible" fronte ao "modelo chapuceiro da Xunta, que pasa por degradar aínda máis Lourizán".

A Plataforma veciñal de Lourizán tamén saíu ao paso ante as críticas verquidas pola Xunta de Galicia contra o Concello de Pontevedra por anunciar este a posibilidade de que recurra o proxecto de novo emisario ante a vía xudicial, e sostén este colectivo que o Concello "está obrigado a facelo".

Neste senso sinalan que no pleno municipal do pasado decembro aprobouse, co apoio de todos os partidos agás o PP, unha moción presentada a iniciativa desta plataforma para que o Concello de Pontevedra se opoña a este proxecto por todas as vías administrativas e legais, ata as últimas instancias. "Non asumir o aprobado en pleno sería unha tomadura de pelo para a veciñanza e para o propio sistema democrático municipal. Sería como dicir por parte do goberno municiapl que os plenos son auténticos paripés", di a Plataforma de Lourizán nun comunicado.

Este colectivo veciñal tamén sinala a "falta de responsabilidade da Xunta" por adoptar unha "postura de fuxida hacia adiante" no que se refire ao saneamento da ría, "apostando por unha infraestrutura multimillonaria cando está sobre a mesa a posibilidade de que Ence teña que abandonar Lourizán a medio prazo e os terreos sexan recuperados".

E finalmente apuntan que o feito de que Ethel Vázquez "presuma" de legalizar a EDAR dos Praceres ante Costas despois de máis de dúas décadas de situación ilegal, "é un reflexo da maneira chapuceira de actuar da Xunta, aplicando sempre a política dos feitos consumados, que coñecemos tan ben en Lourizán, como no caso do tren e no dos recheos do porto". 

 

Arquivado en